Ponte Caldelas revisará a taxa de lixo para 2014 debido á suba do canon de Sogama
O Concello de Ponte Caldelas revisará a ordenanza fiscal reguladora da taxa de recollida de lixo para compensar a suba do canon que SOGAMA cobra aos concellos polo tratamento do lixo a partir de 2014. Na actualidade SOGAMA cobra a cada concello polo traslado e tratamento do seu lixo un canon de 61,50 € por tonelada (55,91 € +10% IVE), o que supón un gasto anual ao Concello de Ponte Caldelas de máis de 120.000 €, tendo en conta unha media de 2.000 toneladas ao ano que se xera no municipio.
A este gasto hai que sumarlle o custo do servizo de recollida de lixo que presta a empresa URBASER que ascende a máis de 230.000 € ao ano. Este servizo inclúe a recollida diaria na zona urbana (incluídos domingos e festivos) e a recollida 3 días á semana nas zonas rurais, ademais da recollida e tratamento dos voluminosos (aparellos, mobles, etc.). Tamén a recollida selectiva en todo o termo municipal e lavado de colectores.
O recadado polo Concello ao ano pola taxa de lixo en todo o municipio ascende a 163.000 € o que leva consigo un importante déficit no servizo de mais de 180.000 €, que asume o Concello con outros fondos propios a pesar de que a lexislación tributaria recomenda que as taxas cubran o custo de cada servizo.
Este canon de SOGAMA a partir do próximo ano incrementarase nun 34% tal e como acaba de comunicar a Xunta, e pasará a ser de 82,10 € por tonelada (74,64 € +10 € IVE) o que supoñerá para un Concello como Ponte Caldelas un sobrecoste neste canon de case 50.000 € máis, que incrementaría ese déficit no servizo e que o Concello ten a obriga de repercutir no recibo para cumprir cos requisitos de estabilidade presupostaria que esixe a normativa estatal.
Hai que ter en conta que a taxa de recollida de lixo en Ponte Caldelas está conxelada dende hai 6 anos (ano 2008) e mantívose así precisamente pola intención do Alcalde de non incrementar máis os impostos municipais, “non obstante esta suba do canon de SOGAMA é necesario repercutila no recibo porque pola contra quebraría o servizo e sería unha enorme irresponsabilidade”.
A partir do próximo ano a taxa de recollida e tratamento de lixo en Ponte Caldelas será de 29 € ao semestre no rural e de 40 € na zona urbana. Precisamente para que esta suba sexa menos gravosa para os veciños, a partir do próximo ano esta taxa pagarase dividida en dous recibos que se emitirán ao final de cada seis meses, e non como agora que se emitía un único recibo anual de 45 € no rural e de 65 € na zona urbana. As taxas correspondentes ás distintas actividades comerciais, hostalaría e empresariais increméntanse nunha porcentaxe similar co fin de que a repercusión desa suba do canon sexa lineal para todos os usuarios do servizo.
O Alcalde quere insistir na importancia de mellorar a reciclaxe, porque todos os residuos que se depositan nos colectores de reciclaxe (vidros, envases ou cartón) non van a SOGAMA e polo tanto non se paga por tonelada. Se melloramos na reciclaxe reducirían no futuro o custo que temos que pagar a SOGAMA e polo tanto poderemos evitar novas subas do recibo.
O Alcalde lamenta ter que tomar esta medida, ” pero as circunstancias obrígannos a revisar esta taxa que levaba conxelada dende 2008. Mentres puidemos mantivemos as taxas o máis baixas posible, pero esta suba de SOGAMA obríganos a revisala. Aínda así o Concello de Ponte Caldelas seguirá tendo unha taxa inferior á doutros municipio da provincial a pesar de ter un servizo similar ou mellor que o de calquera cidade. A externalización do servizo permitiu ampliar a frecuencia de recollida no rural a 3 días, e na zona urbana aos festivos. Ademais permitiu incorporar a recollida a núcleos con accesos estreitos que antes non tiñan o servizo por non poder entrar o camión. URBASER incorporou un vehículo pequeno para estes núcleos.
Recentemente nun estudo realizado pola Deputación para poñer en marcha un servizo mancomunado, establecíase que a taxa mínima dunha vivenda debería ser de 80 € anuais, con independencia da súa situación en zona rural ou urbana. Neste estudo aínda non se tivo en conta o novo canon de SOGAMA, que incrementaría esa taxa, o que demostra que Ponte Caldelas aínda está moi por debaixo do custo real deste servizo e que seguirá sendo deficitario para o Concello.
No referente a outras taxas como auga, saneamento, depuración ou vehículos conxelaranse para 2014, agás para o parque empresarial da Reigosa que se actualiza de acordo coa actualización que fai Pontevedra polo parque empresarial do Campiño.
No que respecta ao IBI mantense a taxa no mínimo legal 0,4%, de tal forma que aos veciños de Ponte Caldelas non lles afecta a suba da contribución que o Goberno aprobou o pasado ano.











