Piñor conciencia á poboación contra a violencia de xénero
Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, o Concello de Piñor pon en marcha unha serie de actividades destinadas a fomentar a concienciación da poboación con esta problemática social e a sensibilización, promovendo así a loita contra esta lacra.
Como cada ano, tratan de ofrecerse iniciativas destinadas a tódolos colectivos poboacionais, pois é unha loita de todos e todas.
Por unha banda, e por segundo ano consecutivo, lévase a cabo o “II Concurso de Mini-relatos Infantís Contra a Violencia de Xénero”. Poderán participar nel cativos que cursen dende 5º de Primaria a 4º da ESO, ámbolos dous cursos incluídos. Para elo, deberán entregar un conto (dun mínimo de 2 caras dun folio e dun máximo de 6) no concello, en galego ou castelán, que promova o rexeitamento á violencia de xénero. As bases poden consultarse nos medios de comunicación municipais (Facebook, Tuenti, web) así como no taboleiro da casa do concello. O prazo límite para a entrega das obras é o 18 de novembro; o relato gañador obterá como premio un reproductor de DVD/Mp4/Mp3, mentres que o resto de participantes serán agraciados cun agasallo de consolación. A entrega de premios será o 25 de novembro no acto municipal contra a violencia de xénero. En canto ó xurado, ademais de persoal da corporación local tamén terá protagonismo o Departamento de Orientación do CPI Virxe da Saleta e o Departamento de Literatura do IES Nº 1 de O Carballiño.
Outra das actividades que se ofrecen consiste nun Obradoiro de Orientación Laboral. Sabemos que moitas veces a muller non pode saír da situación de violencia porque se sinte obrigada por carecer de medios económicos, e un traballo que a sustente a ela e ós seus fillos/as. Este obradoiro, dirixido fundamentalmente á mocidade, pretende formar ós asistentes en como elaborar un curriculum vitae, pautas para as entrevistas de traballo…. Terá lugar o mércores 20 de novembro ás 19:30h no Centro Social, sendo necesaria a inscrición previa para poder participar.
Finalmente, a Programación de actividades municipais Contra a Violencia de Xénero clausurarase cun acto conmemorativo moi completo, que incluirá:
– Presentación oficial do Programa Clara, financiado polo Fondo Social Europeo e o Instituto da Muller en colaboración coas entidades locais, que pretende a inserción laboral das mulleres mediante a motivación e a formación para o emprego. Neste eido, o Concello de Piñor é o único concello da provincia de Ourense que conta con este programa, unha mostra máis do compromiso municipal no eido da igualdade de oportunidades entre o home e a muller.
– Taller de “Cine e violencia”, no cal se sensibilizará ás persoas asistentes na influencia e visión do cine sobre o tema da violencia de xénero.
– Entrega de premios do “II Concurso de Mini-relatos Infantís Contra a Violencia de Xénero”, e lectura do relato gañador por parte do/a responsable da súa autoría.
– Entrega dos diplomas do Curso Básico de Voluntariado Social, realizado no municipio no mes de setembro.
– Degustación de pinchos ó remate do acto.
Dende o Concello de Piñor animamos a toda persoa a participar nesta programación de actividades, implicándonos todos e todas, un ano máis, na loita contra a violencia de xénero.