Patricia Abalo plasma a expresividade dos rostros humanos e a beleza das paisaxes marítimas en acuarelas
A pintora vilagarciana Patricia Abalo Villaverde inaugura coa súa obra a temporada expositiva de outono no Auditorio. Faino cunha mostra que leva por título “Cualidad + Don = Expresión” na que a creadora plasma en vistosas acuarelas a forza e expresividade do rostro humano e a beleza das paisaxes marítimas da nosa Ría. A mostra poderase visitar na sala de exposicións do Auditorio do 5 de outubro ao 4 de novembro.
Os retratos en plano corto, medio plano e mesmo de corpo enteiro de persoas mulleres, homes anciás e nenos que presenta Abalo Villaverde nesta colección invita á busca do intanxible do ser humano, do misterio daquilo que se esconde no interior de cada persoa. Mentres que as mariñas e as postais marítimas transmiten ao espírito a mesma placidez que amosa o mar tranquilo e apracible que pinta nos seus cadros.
Patricia Abalo Villaverde é graduada en Deseño de Orfebrería e Xoiería da Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo e completou a súa formación artística participando en outros obradoiros. Individualmente expuxo en en centros sociais e locais Vilagarcía, Meis e Boiro; e tamén ten colgado obra en varias mostras colectivas de municipios como Vilagarcía (Caritarte), Caldas de Reis, Pontedeume, Padrón e Pontevedra e mesmo expuxo na Galería de arte Plescs d’Art de Barcelona.











