“Pan de Millo” preséntase na Biblioteca Pública de Pontevedra
A Biblioteca Pública de Pontevedra acolle o sábado 26 de outubro ás 12.00 h. a presentación do libro-disco “Pan de Millo” con música, cancións e sorpresas. No acto participarán Migallas Teatro, o ilustrador Dani Padrón e os músicos que colaboraron no disco.
“Pan de Millo” é un libro-disco dirixido a público familiar en que Migallas Teatro reúne 14 cancións infantís e versións de temas tradicionais que interpreta nos seus espectáculos e actividades de expresión dramática. Os arranxos e adaptacións están feitos por Magoia Bodega e Paulo Nogueira, músicos e educadores, membros do grupo Treixadura e moi vencellados a proxectos de divulgación da música galega tradicional. Canda eles, intérpretes do prestixio de Pancho Álvarez, César Longa, Begoña Riobó ou Segundo Grandío, entre outros artistas.
É o segundo proxecto musical de Migallas despois de “Canta connosco!”, considerado un “revulsivo” no eido da música galega infantil. Co proceso de elaboración do pan de millo como fío condutor, este traballo está pensado para seguir practicando o xogo e a diversión, recuperar a memoria dos avós e avoas, e contribuír á transmisión da lingua. No repertorio conviven ritmos autóctonos -como muiñeiras, pandeiradas e pasodobres- con melodías de inspiración latinoamericana.
Os temas de creación tratan cuestión actuais como a colaboración fronte á competición, a promoción da paz ou o exceso de actividades extraescolares. Tamén se inclúen propostas de expresión plástica e dramática. A partir das cancións, Dani Padrón crea unhas ilustracións que destacan pola frescura, o colorido e a ledicia que transmiten os personaxes.











