Outórgase prioridade ao peón e á seguridade vial no cruce de Manuel Murguía con Paseo de Ronda
A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, informou da reordenación da mobilidade no cruzamento da rúa Manuel Murguía e Paseo de Rolda, así como doutros cambios de sentido de circulación en vías da zona de influencia, para mellorar a fluidez da circulación e os máximos niveis de seguridade vial. “Reunímonos coas Asociacións de Veciños do ámbito de Riazor, Mariñeiros e Labañou e con veciños afectados para informalos dos cambios e consensuar as modificacións”, indicou Freire.
A reforma da intersección da rúa Manuel Murguía con Paseo de Rolda, supuxo a eliminación dos illotes triangulares do interior do cruzamento, atendendo a unha demanda veciñal e das AMPAS dos centros escolares. “Os devanditos illotes resultaban dunha dimensión insuficiente para atender a demanda peonil, especialmente nos horarios coincidentes coas entradas e saídas da zona escolar, e supoñían un risco en seguridade vial que loxicamente non podiamos manter”, comentou a concelleira.
A concelleira de Mobilidade explicou que a modificación da intersección supuxo unha importante mellora tanto de accesibilidade coma de seguridade vial, coa eliminación dos illotes do interior do cruzamento, o retranqueo dos pasos de peóns e dos elementos de semaforización. Pero esta mellora en seguridade vial lévanos á inviabilidade do mantemento de todos os movementos de tráfico e polo tanto a modificación implica unha “reordenación da mobilidade” da zona. “Os servizos técnicos estudaron de forma pormenorizada as alternativas para favorecer a fluidez da circulación aconsellando a supresión dos xiros a esquerda da rúa Manuel Murguía cara a Paseo de Rolda”, detallou Freire, que explicou, que con esta opción, se aumentará o tempo no cruzamento para os peóns, garantindo a mobilidade e os máximos niveis de seguridade vial, á vez que se potencia o eixe de conexión de Terceira Rolda con Paseo Marítimo.
REORDENACIÓN DOS MOVEMENTOS DE TRÁFICO:
– Supresión do xiro a esquerda dende a rúa Manuel Murguía cara a Paseo de Rolda, dirección glorieta de Náutica. Itinerario alternativo: Rolda de Outeiro – Pepín Rivero – Gran Canaria. Afecta á liña 14 do bus urbano.
– Supresión do xiro a esquerda dende a rúa Manuel Murguía cara a Paseo de Rolda, dirección Rolda de Nelle. Afecta liña 7 do bus urbano. Itinerarios alternativos:
– Cale Almirante Lángara – glorieta de Náutica.
– Tamén se aconsella como itinerario alternativo para tomar a Rolda de Nelle sentido saída cidade dende o Paseo Marítimo: Calvo Sotelo – Paseo de Los Puentes – Avda. da Habana – Gregorio Hernández.
Doutro lado, levaranse a cabo os seguintes cambios de sentidos de circulación:
– Cambio de sentido de circulación das rúas Cronista Constantino Armesto e Juan González Rodríguez, mellorando a mobilidade tanto dos movementos internos nesta zona do barrio como o seu acceso a Manuel Murguía.
– Cambio de sentido de circulación da rúa Arcadio Vilela Gárate, cara a Pintor Francisco Lloréns, para mellorar a fluidez na rúa Pepín Rivero, á vez que se atende a unha vella demanda veciñal.
TRANSPORTE URBANO E REDISTRIBUCIÓN DE PARADAS
A nova proposta implica a modificación do traxecto das liñas de bus urbano -liñas 7 e 14 -, que circulaban aproveitando os xiros á esquerda que agora se eliminan.
A liña 7 procedente de Riazor (Escravas) – Manuel Murguía, desviarase por Almirante Lángara cara á glorieta de Náutica – Paseo de Rolda, recuperando o seu itinerario habitual para incorporarse a avenida Peruleiro.
Itinerario actual: Procedente de Riazor (Esclavas)- Manuel Murguía-xiro esquerda cara a Paseo de Rolda – avida Peruleiro.
Paradas: A parada realizada en Manuel Murguía (empresariais) realizarase en Paseo de Rolda – Instituto Masculino.
A liña 14 en vez de incorporarse a Manuel Murguía, circulará por Rolda de Outeiro – Pepín Rivero – recuperando o seu itinerario habitual cara a avenida de Gran Canaria
Itinerario actual: Rolda de Outeiro – glorieta Pavón – Manuel Murguía – xiro esquerda cara a Paseo de Rolda – avida Gran Canaria (Cidade Escolar cara a
Os Roseiras).
A concelleira de Tráfico e Mobilidade sinalou que esta circunstancia motiva o traslado da parada situada en Manuel Murguía 25 (liña 14), á Rolda de Outeiro, unha vez pasado a glorieta do Pavón, e as actuais paradas que se realizan en Paseo de Rolda (empresariais) e avida Gran Canaria (Náutica) se realizarán en rúa Pepín Rivero, onde se situará unha nova parada de autobús (antes da incorporación á avenida de Gran Canaria).











