Ourense únese á Semana Mundial da Lactancia Materna con exposicións fotográficas e obradoiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

Coa intención de crear conciencia sobre a importancia do asesoramento en lactancia para apoiar as nais a comezar e manter a lactancia materna, así como informar á cidadanía sobre os altos beneficios do apoio á nai, o Concello de Ourense é partícipe, a través da Concellería de Saúde, na Semana Mundial da Lactancia Materna, que hoxe comeza. Entre os actos a celebrar, presentados esta mañá por Marga Martín no Salón de Plenos, atópase a exposición fotográfica das imaxes gañadoras no V Concurso de Fotografía de Lactancia Materna, cuxos premiados tamén se deron a coñecer.

O primeiro premio, dotado con 1.000 euros, recaeu na alaricana Marta Durán, coa imaxe denominada “Babilónica”; e o premio local, de 200 euros, foi para “Austin”, do ourensán Bruno Ribao. Esther Lucía Naval, Juan Ramón Martín, Roberto Sánchez, Eva Alonso, Eugenia Hernansanz, José Ramón Luna e José Luís García acadaron os accesits do concurso, ao que se presentaron 48 autores, con 90 fotografías admitidas.

Xunto á exposición de fotografías, que terá lugar na rúa do Paseo, a principal actividade será o VI Circuíto de gateo para bebés, que se celebrará o 11 de outubro a partir das 17 h na Explanada da Fonte das Burgas. Para tódolos interesados e interesadas en participar, requírese inscrición previa. Entre o resto de actos presentados, atópanse o obradoiro de técnicas de masaxe para bebés, hoxe e mañá, o obradoiro de lactancia materna, o día 15 de outubro, e os xa habituais cursos de ioga, pilates e actividades acuáticas para embarazadas.

7 de outubro de 2013 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.