Ourense pretende manter as porcentaxes máis altas de vacinación de gripe de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Presentación da campaña en Ourense

Presentación da campaña en Ourense

A campaña de vacinación antigripal e antipneumocócica deu comezo este luns día 21 de outubro e manterase ata o 20 de decembro. Mediante esta iniciativa preventiva a Consellería de Sanidade ten por obxectivo protexer fronte á gripe a 90.000 ourensáns, poboación que se corresponde cos maiores de 60 anos e os pertencentes aos grupos de risco, por patoloxía ou entorno profesional.

Para cumprir esta meta, desde a Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade proxectase chegar a unha vacinación antigripal superior ao 35% dos ourensáns entre 60 e 64 anos e do 65% dos ourensáns maiores de 65.

Xunto a estes inclúense, como en anteriores campañas, a poboación pertencente aos grupos de risco, ben polo seu entorno laboral como polas súas condicións de saúde: persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias, incluíndo asma; persoas institucionalizadas con procesos crónicos; as persoas con enfermidades metabólicas crónicas ou inmunodeficiencias; os nenos e adolescentes -de seis meses ata 18 anos- con tratamentos prolongados de aspirina; e as mulleres embarazadas durante a temporada de gripe.

Entre a poboación obxectivo da campaña, polo seu traballo, inclúense aqueles grupos profesionais con posibilidade de transmitir a gripe a outras persoas de alto risco, como os traballadores de centros sanitarios e sociais; as que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros; as que pola súa ocupación poden estar en explotacións ou matadoiros de aves ou porcos; e os viaxeiros internacionais.

Animar ao persoal sanitario á vacinarse

Entre o devandito grupo, a subdirectora de Procesos Asistenciais de Enfermería, Montserrat Souto, que representa ao colectivo que executa de ano en ano esta campaña, lembrou un ano mais a importancia de que o persoal sanitario se protexa fronte a gripe, tanto polo seu maior risco de contaxio como de contaxiar aos seus pacientes, así coma polo valor esencial do seu traballo cara a comunidade.

Para elo, a Consellería de Sanidade márcase este ano como obxectivo estratéxico ampliar a porcentaxe de vacinación entre o persoal sanitario, na procura de chegar a unha cobertura superior ao 30%, rompendo así a barreira histórica que se situa entre o 20-25 por cento. Barreira só superada polo colectivo sanitario de Ourense que o pasado ano acadou a porcentaxe de vacinación mais alta de Galicia co 35,7%. Pese aos bo resultados o obxectivo para este ano e manter e aumentar esta vacinación por riba desta fronteira.

Curiosamente, dentro deste grupo profesional danse grandes diferenzas de porcentaxe de vacinación, en función do nivel asistencial e categoría profesional. Así a vacinación está mais implantada no entorno da atención primaria que na hospitalaria, e curiosamente son os facultativos deste primeiro nivel asistencial os que mais se vacinan, polo contrario, nos hospitais este consello preventivo é mais común entre o persoal de enfermería.

Programar a vacinación

Ás persoas de 65 anos adminístranselle as dúas vacinas a antigripal e a antipneumocócica, ofertándoselles a vacinación antigripal de xeito sistemático, e a vacinación antipneumocócica se non estivesen aínda vacinados fronte ao pneumococo.

No caso das ou dos menores de 60 anos, adminístraselle aos grupos de risco de padecer complicacións derivadas da gripe con enfermidades crónicas, ou ben que se poidan descompensar co padecemento da gripe.

Na presentación da campaña, esta mañá en Ourense, lembrouse a importancia de que as persoas que acudan a se vacinar leven o carné de vacinación de adulto e que soliciten cita nos seus Centros de Saúde, para facilitar a programación e escalonar as vacinacións ao longo do tempo de vixencia da campaña, que no caso dos hospitais, prolongarase ata finais de ano.

Efectividade da campaña

As persoas vacinadas teñen menor probabilidade de padecer a enfermidade (50-60% de eficacia) e, si a sufren, esta é máis leve e con menos complicacións, evitándose así ingresos hospitalarios e posibles mortes. Diminuíndo ademais a posibilidade de transmitir a gripe no seu contorno.

Para a campaña 2013 fronte a gripe estacional e as enfermidades neumocócicas, a Consellería de Sanidade adquiriu 590.000 doses (560.000 de vacinas antigripais e 30.000 doses de vacina antineumocócica), cun investimento total 2.276.328 millóns euros, o que supón un aforro de 631.564 euros con respecto ao pasado exercicio grazas á compra centralizada das vacinas xunto con outras Comunidades Autónomas, como destacou na súa intervención o delegado territorial.

Asemade, ao igual que o pasado ano, o persoal de enfermería de atención primaria, que maioritariamente desenvolve a campaña, fará o rexistro de doses administradas por vía informática, a través da Historia Clínica Electrónica (IANUS). Na mesma liña, a xestión de pedidos das vacinas será a través da páxina web do SERGAS. Ademais, incorpórase o sistema de rexistro a través da web para todo o sistema sanitario privado con certificado dixital.

A provincia de Ourense conta con 183 puntos de vacinación: 106 centros de saúde, 3 hospitais públicos e 2 privados, 33 centros sanitarios privados, 32 residencias da terceira idade de titularidade pública ou privada, e 7 centros máis nos que se inclúen o centro penintenciario, unidades de asistencia a drogodependentes e centros de menores e discapacitados.

Na presentación da campaña Rogelio Martínez estivo acompañado pola xefa territorial da Consellería de Sanidade en Ourense, María Villar, e a subdirectora de Procesos de Enfermería da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras do Sergas, Montserrat Souto.

21 de outubro de 2013 | 13:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.