Ourense acolle o último pase do Ciclo de Documentais galegos na Praza Maior
O ciclo de documentais galegos pecha este mércores a súa programación coa proxección de Marea (Galicia-2010. 50′), un traballo que amosa o día a día nun barco de pesca de altura no Gran Sol.
A cita desta actividade, organizada pola produtora Aleuto Medios Dixitais coa colaboración da Concellaría de Cultura e do Festival de Cine, será ás 22:00 horas con entrada de balde.
Marea achega testemuños da tripulación que relatan o traballo a bordo, o que botan de menos cando embarcan, os seus desexos… especialmente interesante é a historia dun mariñeiro que vive a súa primeira marea: a través del coñeceremos a relación entre os mariñeiros e o xeito no que mudou o sector dende os 80 até hoxe.
O documental foi gravado en marzo do 2010 a bordo do Adviento 1, con base en Burela. Un barco de 30 metros de eslora e unha tripulación de 15 persoas.











