Os veciños de Oroso disfrutaron da actuación dos profesores da Aula de Música

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOroso
A-
A+
Actuación do profesores da Aula de Música de Oroso

Actuación do profesores da Aula de Música de Oroso

Preto dun centenar de veciños e veciñas disfrutaron do concerto dos profesores da Aula de Música de Oroso, que tivo lugar na noite do pasado venres no centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro. Unha actuación que serviu para celebrar o inicio do curso 2013-2014 e que tivo tanto éxito que “esperamos volver a repetila en Nadal, xa que foi unha actuación de gran nivel”, indica o concelleiro de Cultura, Antonio Leira.

Os mestres da Aula de Música de Oroso ofreceron un gran concerto no que, ao longo de case hora e media, combinaron distintos estilos musicais, dende a música clásica ata o jazz e o blues, pasando polo folk e por unha selección de poemas musicados de insignes escritores galegos. Así mesmo, no centro cultural viviuse unha curiosa situación na que houbo un “cambio de papeis”, xa que desta vez os “examinados” eran os mestres, xa que entre os asistentes estaban gran parte dos alumnos e alumnas da Aula de Música que non perderon detalle da actuación.

A actuación estivo presidida polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e polo concelleiro de Cultura, Antonio Leira. Manuel Mirás amosou a súa satisfacción “polos progresos que se teñen levado a cabo na Aula de Música de Oroso” e felicitou aos profesores polo gran nivel acadado. Pola súa banda, Antonio Leira asegurou que ese concerto “é a culminación dun proceso que iniciamos hai dous anos e que permite que agora os nosos nenos e nenas podan disfrutar aprendendo música nos distintos estilos que ofrece a Aula de Música”.

14 de outubro de 2013 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.