Os usuarios do Conciliatardes mergullaranse na comunicación con pinturas rupestres e redes sociais de internet
Os trinta e sete nenos que participan este ano no programa Conciliatardes-Tardes Coa Infancia que presta a Concellería de Traballo e Benestar mergullaranse este curso no mundo da comunicación no seu sentido máis amplo. A través de diversas actividades lúdicas e educativas desenvolvidas en obradoiros temáticos os nenos e nenas aprenderán diferentes xeitos de comunicarse ao longo da historia, dende as pinturas rupestres ata as redes sociais e internet, pasando polo braille, a linguaxe de signos, ou a expresión corporal. Ademais, o programa inclúe xogos libres e dirixidos, actividades de animación á lectura e apoio escolar e técnicas de estudo.
“O Mundo da Comunicación” é o título do programa educativo elaborado este ano por Ágora Aberta para desenvolver durante o Conciliatardes 2013/14. As actividades deste curso dan continuidade ás efectuadas o ano pasado que se basearon en introducir aos nenos e nenas nos medios de comunicación a través de confección dun programa de televisión con diversos contidos ou da creación dun blogg.
Este ano, os usuarios afondarán máis no tema abordando os procesos comunicativos en tres bloques. No primeiro trimestre centraranse nas orixes e as diferentes canles de comunicación facendo un mural imitando pinturas ruprestres, facendo carteis en código morse e elaborando papiros, tamén coñecerán elementos e apartados que facilitaron a comunicación como a imprenta ou o libro que tratarán de recrear a través dun obradoiro con materiais de refugallo. No que é a comunicación verbal e transmisión do coñecemento traballarán de novo cos usuarios do centro de Día de Desamparados, para que os maiores lles relaten a evolución dos medios de comunicación. Deste xeito tamén se pretende educar no respecto aos maiores e a revalorización da súa experiencia.
No segundo trimestre do ano, os obradoiros e actividades centraranse nos medios de comunicación actuais e outras formas de comunicarse. Con xogos e obradoiros abordarán os medios de comunicación social (televisión, radio, xornal, internet…) e tamén as expresións artísticas e emocionais. Visitas de profesionais dos medios para explicarlles o seu funcionamento, elaboración de collages para transmitir unha mensaxe, emoción ou sentimento, a elaboración dunha curtametraxe reivindicativa serán algunhas das actividades coas que se pretende que o coñecemento dos medios e a súa utilización vaia acompañado dunha actitude crítica.
Durante a última parte do curso, o Conciliatardes centrarase na comunicación interpersonal, para o cal realizarán actividades de comunicación verbal e non verbal. Traballarán a expresión corporal gravándose en video e logo analizándose entre todos, escribirán cartas e utilizarán o correo tradicional para establecer un vínculo por carta cos usuarios do centro de Día, e ata farán xogos de rol para practicar a comunicación non verbal en escenas cotiás.
Todas estas actividades realizaranse nos obradoiros temáticos que se desenvolven de luns a venres como parte das actividades diarias do Conciliatardes que inclúen outro tipo de xogos, tempo de merenda, contacontos e animación á lectura, saídas e tamén tempo para o apoio educativo e técnicas de estudo tanto para os nenos e Infantil como para os de Primaria. As actividades desenvólvense en distintas aulas do Centro de Formación de Matosinhos e tamén no patio exterior.
Educación transveral
Todas as actividades son transversais polo que os contidos inclúen a educación en valores como o respecto aos maiores, a educación medioambiental, a convivencia, o traballo en equipo, a potenciación da creatividade, a exteriorización de emocións…
Centro de Formación de Matosinhos
O programa Conciliatardes-Tardes Coa Infancia está dirixido aos nenos e nenas nacidos entre o 1 de xaneiro de 2005 e o 31 de decembro de 2010 que formen parte dunha unidade familiar na que ambos proxenitores ou titores teñan unha actividade laboral ou participen nun proceso de formación regrado ou oficial, no horario de desenvolvemento do servizo. As actividades deste curso comezaron o 1 de outubro manteranse ata finais de 2014. As sesións celébranse de luns a venres, en horario de 15:30 a 21:00 horas nas instalacións no Centro de Formación de Matosinhos e na modalidade de xornada completa ou media xornada, para adaptarse ás necesidades de cada familia.











