Os traballos preventivos evitaron que as intensas chuvias asolagaran A Xunqueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

As intensas precipitacións rexistradas onte pola tarde afectaron de xeito diferente á cidade, especialmente en tres das zonas máis conflitivas. Os traballos preventivos levados a cabo no último mes na Xunqueira deron resultado positivo xa que evitaron as inundacións no barrio. O nivel da auga si que subiu de xeito notable na Rúa Rey Daviña, aínda que a causa non foi o mal estado das tragantes de recollida de pluviais, que se limpou na súa totalidade hai tan só quince días, senón por ser unha rúa situada por debaixo do nivel freático. Tamén se volveu a crear unha bolsa de auga na praia da Concha, razón pola cal Fomento comunicou que trataría de rematar esta semana a conexión da noca canalización soterrada para desviar o curso do regato dende A Escardia.

O dato máis positivo no que se refire ás consecuencias da tromba de auga rexistrada onte pola tarde foi a ausencia de problemas no barrio da Xunqueira, unha zona especialmente castigada polas inundacións cando chove intensamente. O goberno local valorou esta situación como resultado dos traballos preventivos que se veñen levando a cabo no barrio dende hai mes e medio e que consistiron tanto na limpeza dos tragantes e arquetas da rede de recollida de pluviais, como na actuación máis concreta desenvolvida no tramo do regato que transcorre soterrado baixo os patios dos colexios da Lomba.

Os traballos realizados na canalización consistiron no baleirado de áridos tanto na boca como na desembocadura do tramo soterrado, así como la limpeza dos pozos de rexistro que existen no patio do centro. Os operarios municipais introducíronse por estas arquetas ata onde puideron para retirar a area e ramas que se acumulaba no leito, polo que a capacidade de absorción de caudal viuse aumentada considerablemente. Isto facilitou o desaugue e impediu as inundacións, incluso a do patio do recinto escolar.

A problemática rexistrada na Rúa Rey Daviña ten unha causística diferente. Os problemas aquí débense a que a rúa está situada por debaixo do nivel freático das augas naturais e a unha capacidade insuficiente da rede de recollida de pluviais. Se a estes dous factores súmase a coincidencia dunha tromba de auga coa pleamar, o asolagamento é máis que probable.

En calquera caso, hai que advertir que nas inundacións de onte non tivo nada que ver a area botada en verán para a reparación da pavimentación que se retirou unha vez rematados os traballos. Tampouco é certo que os tragantes estiveran obturados ou cheos de area, posto que hai dúas semanas que as brigadas de tarde acometeron a limpeza de todos os tragantes da Rúa Rey Daviña, dende a Praza de Galicia ata a praza da Constitución, dentro do plan de labores preventivas que comezaron o pasado mes de setembro.

Por último, despois do embolsamento de auga que se volveu a producir no piñeiral da praia da Concha, o Ministerio de Fomento comunicou ao Concello que tratarán de rematar esta semana a conexión da nova canalización soterrada co curso do río que baixa de Guillán, a efectos de desviar o curso polo novo tramo, que multiplica a capacidade de recollida e impedirá que as augas afloren no areal así como os verquidos de residuais.

Para mellorar aínda máis a a drenaxe desta zona, o Concello está xestionando a limpeza do sumidoiro submarino que desemboca á altura da punta do peirao do Rama e que está case obturado na súa totalidade polo arrastre de area froito das mareas e do propio cauce. Os traballos terán que ser realizados por unha empresa especializa xa que se precisa recorrer a buzos.

Dúas árbores tronzadas polo vento

Por outro lado, os fortes ventos de onte tamén provocaron que tronzará unha árbore no parque da Xunqueira e outra no da Coca. No primeiro caso trátase nun vello exemplar de castaño de india situado na zona de paseo do río. Ao tronzar quedou ao descuberto o mal estado na que se atopaba a árbore, xa que boa parte dunha das ramas principais e tamén do tronco estaban totalmente secas. Esta é a causa pola que os operarios de Xardíns e Medio Ambiente, procederon a súa tala.

No seu lugar plantarase outro castaño de indias novo o vindeiro ano. Ata entón haberá que proceder á retirada do toco e a levantar as raíces que sexa posible. Posteriormente, haberá que tratar o chan con produtos axeitados e deixalo en repouso varios meses para garantir que se matan os fungos que afectan ás raíces que queden dentro, xa que de plantar o novo exemplar antes de tempo, estas poderían infectalo.

O persoal de Xardíns e Medio Ambiente realizou esta mañá unha inspección pro todos os parques municipais para comprobar o estado dos mesmos tras os fortes ventos de onte, sen detectar máis incidencias que as apuntadas.

22 de outubro de 2013 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.