Os terreos da antiga estación de radio de defensa serán aproveitados como bolsa de chan industrial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela repasou hoxe cos veciños e veciñas de Mandiá as grandes actuacións de futuro para a parroquia en que está a traballar o Goberno Municipal, así como os traballos diarios de mellora e conservación da zona que esta semana se intensificaron con motivo do Plan de Barrios. Ao respecto das primeiras, Rey Varela abordou cos membros da agrupación veciñal de Mandiá o próximo remate do procedemento administrativo da concentración parcelaria, as suxestións á proposta de saneamento do rural e o aproveitamento da antiga Estación de Radio de Mandiá, unha das propiedades non afectadas por usos militares que forma parte do convenio xa negociado entre a Administración ferrolán e o Ministerio de Defensa.

Así, o rexedor municipal explicoulle á directiva veciñal que o plan para os terreos da Estación de Radio pasa pola creación de bolsas de chan industrial que permitan el asentamento de grandes empresas. “Son 120.000 metros cadrados que pasarán ser de titularidade municipal e que nos permitirán dispoñer de chan que ofrecer a empresas que desexen asentarse en Ferrol a cambio de que se comprometan á xeración de postos de traballo”, dixo Rey Varela. Así mesmo, apuntou que a vantaxe desta proposta é a celeridade coa que o Concello pode ofertar chan para as empresas, posto que “non se invaden fincas privadas, polo que non é necesario iniciar un procedemento de expropiación de terreos veciñais; e ademais, é máis sinxelo facer a adaptación urbanística dos terreos”.

No que atinxe á concentración parcelaria, Rey Varela sinalou que o Concello de Ferrol traballa coa Xunta de Galicia para que este ano quede rematado o proceso administrativo, vinte anos despois de que este se iniciara. E, en relación, á proposta de saneamento, os membros da Asociación de Veciños de Mandiá non puxeron pegas á proposta que lles presentou o Goberno Municipal na primeira fase do Plan de Barrios. Respecto do saneamento, Rey Varela lembrou que a intervención na zona de Mandiá correspóndese co sistema Covas-Esmele e inclñue as obras do colector do Río Sardiña. O investimento estimado desta actuación medioambiental para conectar o Río Sardiña coa estación de bombeo da Cabana ascende a 3,5 millóns de euros. Os traballos suporán a instalación de 2,2 quilómetros de colectores e dous tanques de tormenta para acumular o exceso de augas residuais e que as descargan de maneira paulatina ao colector.

Plan de Barrios

O inicio da segunda volta de traballos de roce de viarios e limpeza de cunetas, aos que hai que engadir as tarefas de repaso feitas durante os meses de verán; as tarefas de limpeza e eliminación de vertedoiros incontrolados e o pintado e sinalización viaria, foron algúns dos aspectos do Plan de Barrios que Rey Varela abordou coa entidade veciñal. Unha xuntanza de traballo na que tamén participaron os concelleiros de Zona Rural e Servizos –José Polo e Borja Carro, respectivamente-, así como os supervisores municipais dos servizos e empresas que traballan para o Concello.

Así, o primeiro edil da cidade informou de que se rozaron máis de 34.000 metros lineais en Mandiá dende que se puxo en marcha o Plan de Barrios  Tamén se pintaron 8 stops e se colocaron 5 sinais verticais –3 stops e 2 indicacións de perigo-.

8 de outubro de 2013 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.