Os representantes de ADEGAL coñecen o proxecto “Regenera Limia” de mans do Inorde e a Deputación de Ourense

Presentación do proxecto “Regenera Limia” a ADEGAL
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, xunto co director da Área de Medio Ambiente da institución provincial, Javier Bobe, reuníronse hoxe en Xinzo con representantes da Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (ADEGAL) para informarlles do proxecto “Regenera Limia” e facelos partícipes dos obxectivos do mesmo co fin de poder contar coas súas achegas e opinións que permitan fornecer a candidatura do proxecto ao “Programa Life”, co que se pretende reducir a contaminación das augas do río Limia.
Dentro deste proxecto, a Deputación de Ourense implementará na Limia, a través do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, pertencente ao Inorde, un sistema de control integrado de xestión de fertilizantes e abonos en solos agrarios, que se levará a cabo en dez parcelas piloto e se poderá ampliar posteriormente ao resto de explotacións agrarias, iniciativa da que foron informados hoxe os membros de ADEGAL.
Manuel Baltar considera fundamental que neste proxecto ,”exista a máxima colaboración entre entidades públicas e privadas, cooperación e asociacionismo que chegan mesmo ao ámbito supranacional como xa se puxo de manifesto hai unhas semanas na presentación oficial do proxecto”.
Ademais, desta importante achega para a xestión de fertilizantes e abonos, a Deputación de Ourense elaborará un mapa de solos e cede unha parcela de 6.000 metros cadrados para investigar sobre o tratamento de purines.
Baltar destacou a “perfecta sintonía” desta iniciativa cos programas que ven desenvolvendo a Deputación de Ourense, entre os que figuran a adhesión á Carta das cidades cara a sostibilidade -Carta de Aalborg-, ou a posta en marcha da Rede de Municipios e do Observatorio cara á Sostibilidade na provincia de Ourense. “Poñer en valor o medio ambiente fai que sexamos un “goberno ambiental implicado e preocupado ao máximo polo noso ben natural”, afirmou Baltar.
As 23 accións que inclúe o proxecto “Regenera Limia” teñen como obxectivo mellorar o río Limia e a súa contorna, atallando cuestións como as cianobacterias que teñen afectado tanto a Alta como a Baixa Limia, con especial incidencia no encoro das Conchas.
“Regenera Limia” está promovido e coordinado pola Confederación Hidrogáfica Miño-Sil nunha comarca, A Limia, a máis importante de Galicia en canto ao sector agrogandeiro e de alto aproveitamento agrario. Trátase de mellorar a xestión medioambiental nos terreos agrarios e optimizar o uso de fertilizantes, ademais de investigar alternativas á xestión de purines e reducir a contaminación por nutrintes nas augas, todo elo acompañado dun apartado de formación e información ao cidadán. O orzamento global do proxecto é de 2.248.434 euros.











