Os pregóns dos últimos 36 anos lémbranse no libro da colección San Froilán dos Devanceiros
A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Língua, que dirixe Carmen Basadre, bota este ano a vista atrás para lembrar todos os pregóns pronunciados nos últimos 36 anos cos que se anunciaron as sucesivas edicións das festas do San Froilán.
O volume número 10 da colección San Froilán dos Devanceiros, que publica a Concellería, e que se vai presentar hoxe, ás 19.30 horas na Casa do Concello, está adicado a rememorar os pregóns cos que distintas persoalidades anunciaron o comezo das festas patronais de Lugo.
Na presentación do libro, a Concelleira, Carmen Basadre, destaca que “era hora de ollar para atrás, de recoller o máis posible dunhas palabras que se pronunciaron como efémeras, pero que forman parte da vaga de memoria de moitas persoas”.
Basadre lémbranos que “homes e mulleres que brillaron e brillan na prensa, na literatura, no cine, nas diversas facetas da vida pública, lucenses de nación, de adopción ou de afecto, deleitáronnos coa súa palabra falada que agora chega outra vez como palabra escrita” e engade que “aquí están os seus pregóns, que un día foron discurso e agora son historia, pequena historia se se quere, pero importante para nós”.
O “Libro dos pregóns das festas do San Froilán de Lugo 1977-2012” recolle os textos cos que anunciaron as festas de Lugo persoeiros como Ramón Piñeiro, Ánxel Fole, Camilo José Cela ou Xosé Trapero Pardo, entre outros. O labor de compilación e edición correu por conta de Darío Xoán Cabana e Xosé Manuel Santiso.
Segundo explicou Darío Xoán Cabana, “dos 36 pregóns destes anos 1977-2012, o libro contén os textos de 27. Os outros 9 non os puidemos conseguir aínda, e o que figura no libro son pequenas crónicas enfiadas co que os xornais dicían dos pregóns nos seguintes días, recollendo ademais todas as citas textuais posibles. Queda aberta a posibilidade doutro volume que recolla a integridade dos que aínda poidan aparecer, ademais dunha investigación sobre pregóns e discursos con función similar anteriores ó ano 1977”.











