Os preconductores de Mos fórmanse en seguridade vial no seu centro educativo

Charla sobre seguridade vial
A concellería de Educación e Participación Cidadá mosense que dirixe a edil Kely Monzón, dentro da campaña de promoción da seguridade vial nos centros educativos de Mos que se iniciou a semana pasada coa iniciativa Conducir non é un xogo dirixida ós alumnos e alumnas dos Colexios de Educación Infantil e Primaria, promove agora unha charla de concienciación e prevención dirixida ós mozos e mozas preconductores mosenses que estudian no IES de Mos.
Esta charla celebrouse hoxe pola mañá no salón de actos do centro de Educación Secundaria mosense, foi presentada pola concelleira Monzón e impartida pola Policía Local do Concello de Mos e por persoal da Dirección Xeral de Tráfico, DXT.
Os aspectos fundamentais abordados durante a charla foron: o alcohol e as drogas e a súa influencia na condución; relación do alcohol inxerido e o grao de alcoholemia. A velocidade e outras condutas de risco; tratamento administrativo e penal. A seguridade pasiva e a importancia do uso do casco e do cinto de seguridade. Actuación en caso de accidente de tráfico, a regra PAS. E a documentación que se debe levar cando se conduce un ciclomotor.
En xeral, sobre a campaña de fomento da seguridade viaria emprendida dende a pasada semana pola administración local mosense, a edil responsable da mesma declaraba esta mañá que “as estatísticas sobre circulación achégannos cifras das principais causas de accidentalidade, que ademais do dramático custe social tamén supoñen custes económicos. Elas nos indican a vital importancia de traballar sobre a seguridade vial co fin de reducir no posible os accidentes de tráfico, reforzando a precaución e asentando as responsabilidades que conleva o ser conductor”.
No caso da charla impartida hoxe no IES en particular, mediante a mesma quérese concienciar da responsabilidade persoal que entraña o acto da condución, este é o obxectivo fundamental deste proxecto que se desenvolveu durante unha sesión didáctica impartida conxuntamente entre a Dirección Xeral de Tráfico e a Policía Local de Mos.
Estas charlas van dirixidas ó alumnado de primeiro curso de Bacharelato, e con elas preténdese contribuír á adquisición das competencias necesarias para o desprazamento seguro polas vías, a través do respecto ás sinalizacións, as normas e ao resto de usuarios das mesmas.
Coa colaboración da técnica especializada da DXT e a Policía Local, abordáronse esta mañá no IES de Mos temas como as condutas axeitadas ao volante e a influencia do consumo de sustancias prexudiciais a hora de conducir, todo isto apoiado nunha proxección en Power Point e na visualización de campañas publicitarias da DXT e outros organismos públicos e privados relacionados ca seguridade vial.
Por último, Kely Monzón explicou cales son os obxectivos desta charla que busca ante todo espertar o interese e a involucración dos mozos e mozas co fin de que a actividade lles resulte o máis útil e dinámica posible. Ditos obxectivos, en palabras da edil son “dar a coñecer as principais causas dos accidentes de tráfico e as ferramentas para evitalos, concienciar da realidade dos accidentes de tráfico amosando as cifras de accidentalidade e as principais causas, amosar a realidade das drogas e a súa influencia na condución, recoñecer as condutas de risco e as súas consecuencias administrativas e penais, e incidir na importancia da seguridade pasiva como é o caso do casco e do cinto”.











