Os Museos Científicos Coruñeses celebran unha xornada de portas abertas o 7 de outubro
A Concellaría de Cultura, a través dos Museos Científicos Coruñeses, celebra o próximo luns, 7 de outubro, o día da Virxe do Rosario, unha xornada de portas abertas para todos os visitantes á Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae.
É unha ocasión para gozar das exposicións interactivas dos tres centros e asistir a algunhas das actividades programadas. Na Casa das Ciencias, haberá sesións de planetario ás 12.00, 13.00 e 17.00 horas (programa infantil) e ás 18.00 horas (sesión en directo). Na Domus, o cine 3D ofrecerá 4 pases (12.00, 13.00, 17.00 e 18.00 horas), e no Aquarium poderase asistir aos dous momentos diarios da comida das focas, ás 12.00 e 17.00 horas.











