Os marxes de camiños e cunetas en San Xurxo chagan a uns 10.000 metros lineais

Encontro de traballo
Ferrol continua desenvolvendo a segunda fase do Plan de Barrios, un ambicioso programa de coordinación dos servizos municipais e das empresas que traballan para a Administración local que durante unha semana intensifican a súa actividade nun barrio ou parroquia da cidade. Na xornada do martes, os concelleiros de Participación Cidadá, Servizos e Medio Ambiente e Zona Rural –Martina Aneiros Barros, Jose Polo Veiga e Borja Carro Muñoz, respectivamente- mantiveron un encontro de traballo cos representantes veciñais de San Xurxo.
Ademais de repasar as actuacións de mellora e mantemento levadas a cabo en materia de roces, limpeza, pintado e sinalización, iluminación, abastecemento de auga, parques e xardíns e policía local, os responsables do Executivo ferrolán chegaron ao compromiso coa entidade veciñal de acometer a pista de Trasouteiro. No que atinxe ao resto das intervencións feitas en San Xurxo estes días ao abeiro do Plan de Barrios, a edil Martina Aneiros ocupouse de repasar ca agrupación de veciños as máis salientables ante a ausencia do alcalde, que asistiu ao Parlamento de Galicia a seguir o debate sobre o estado da Autonomía. Así, entre outros traballos, a titular de Participación Cidadá e voceira do Goberno Municipal fixo fincapé no roce de case 10.000 metros lineais de marxes de camiños e cunetas, cunha valoración económica de máis de 2.200 euros. A titular de Participación e voceira do Goberno de Ferrol indicou que “todas as parroquias do rural teñen garantidas dúas pasadas de roces ao ano, que inclúen o roce de noiros, limpeza de marxes de camiños e cunetas, roce e limpeza de terreos de titularidade municipal e poda e recollida.
Ademais, Martina Aneiros salientou as tarefas de limpeza levadas a cabo por Urbaser –empresa concesionaria do servizo- na estrada principal de San Xurxo, o paseo e o carril – bicicleta da praia, e nas zonas de Vila da Igrexa, Vila da Area e do local social. Ademais, procedeuse á limpeza e mantemento dos lavadoiros e fontes de Vila da Igrexa, Os Casás, Rúa Nova, Priegal e Vila da Area. Estes traballos de limpeza teñen unha valoracion de case 5.000 euros. Outras tarefas acometidas en San Xurxo dentro do Plan de Barrios ás que tamén se referiu a concelleira ferrolán foron: o pintado de 6 cedas e 7 stops e a colocación dun espello; a revisión dos servizos de iluminación en Vila da Igrexa, Vila da Área, estrada de San Xurxo e Trasouteiro; actuacións de mantemento preventivo feitas por Emafesa e valoradas en 1.700 euros; o mantemento de 1.150 metros cadrados da zona verde dos golfiños e o roce das zonas pegadas ás escadas de baixada a praia e pasarenas; e, por último, o incremento da presenza policial.











