Os estudantes da Compañía de María de Ferrol visitan a horta de froiteiras autóctonas de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Visita dos escolares á horta de froiteiras autóctonas

Visita dos escolares á horta de froiteiras autóctonas

Cando o Concello ordenou de plantar na leira da Cortiña unha colección de froiteiras autóctonas tiña en mente salvagardar un importante patrimonio vexetal pero tamén converter o lugar nun sitio de aprendizaxe. Alí a AGFA do Eume imparte cursos de poda e enxertado e tamén fai de guía para grupos organizados. Este venres foron uns 75 rapaces e rapazas do colexio da Compañía de María de Ferrol quen pasaron pola horta para coñeceren as variedades da comarca e comprobar que a froita, coma o leite, ten máis traballo detrás que o dos repoñedores do supermercado.

Este é o terceiro grupo en menos dunha semana que se achega a San Sadurniño para ver o labor que desenvolven o Concello e a Asociación Galega da Froita autóctona do Eume a prol da conservación e recuperación de castes froiteiras do país. Segundo os técnicos, a horta da Cortiña é o único proxecto destas características emprendido en Galicia por unha administración pública, sen contar os centros de investigación e de capacitación agraria.

Na horta -situada moi preto do río- poden atoparse uns 160 pés de distintas variedades de cerdeiras, ameixeiras, pexegueiros, pereiras e, sobre todo, maciñeiras. Árbores que xa están logradas e en produción e que, nalgúns casos, pertencen a tipos de froita case desaparecidos. 

A rapazada dos últimos cursos da ESO do colexio Compañía de María percorreu a leira durante arredor dunha hora na compaña de tres técnicos da AGFA do Eume, quen lles explicaron os obxectivos do proxecto e de que maneira se conseguen froitas de calidade sen necesidade de prexudicar o ambiente con produtos químicos. 

25 de outubro de 2013 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.