Os escolares do Ceip Recimil visitan as dependencias municipais do Concello de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Visita dos escolares

Visita dos escolares

A Casa Consistorial de Ferrol volveu esta mañá a abrir as súas portas a un centro educativo da cidade. Nesta ocasión, foi un grupo de 37 alumnos e alumnas de segundo curso de Primaria do Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Recimil o que visitou as dependencias municipais.

A concelleira de Educación e tenente de Alcaldía, Susana Martínez Galdós, recibiu aos estudantes no Salón de Recepcións do Consistorial, un dos espazos nobres situado na primeira planta. A edil explicoulles brevemente a historia do edificio e para que serve e como funciona o Concello de Ferrol, facendo fincapé en que é a administración á que primeiro deben acudir cando teñen que realizar algunha xestión ou resolver calquera problema. Tras facer unha parada na sala de Alcaldes visitaron o Salón de Plenos, onde os alumnos e alumnas do CEIP Recimil puideron experimentar o que se sente ao ser concelleiro da túa cidade ocupando as butacas do hemiciclo. Neste foro de debate, a edil de Educación explicoulles o funcionamento do Concello e respondeu a varias preguntas formuladas polos escolares: dende cantos alcaldes tivo a cidade ata cales son as funcións do rexedor municipal.

Esta actividade que se enmarca no programa de visitas guiadas para escolares que leva a cabo o Concello de Ferrol ten a finalidade de achegar a institución municipal ás xeracións máis novas. Ademais, as mestras que acompañaron aos estudantes na visita sinalaron que a visita complementa o traballo que o alumnado realizará nas aulas con respecto ao funcionamento dos diferentes organismos da cidade. Finalmente, o grupo de alumnos e alumas recibiron de agasallo cadanseu conto “O souto escuro e perigoso”, de Miguel Vázquez Freire; e para as docentes que os acompañaron cadanseu exemplar do libro “El Castillo de San Felipe en Ferrol”.

23 de outubro de 2013 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.