Os centros educativos tomiñeses apúntanse á compostaxe

Explicación aos escolares
Os centros educativos de Primaria do concello de Tomiño, reciben nestes días charlas sobre xestión de residuos sólidos urbanos e iniciación á compostaxe, por parte de técnicos especializados, no marco dunha experiencia impulsada dende o Concello, coa finalidade de inculcar estes hábitos dende a infancia.
Nun primeiro momento, os escolares (de terceiro ciclo) teñen oportunidade de recoñecer os diferentes tipos de colectores existentes para a recollida de lixo. A segunda parte da actividade céntrase na compostaxe de materia orgánica. Para facer máis comprensible o tema, repártense saquiños de plástico cun pouquiño de compost obtido na casa. A continuación, os técnicos fan entrega ao colexio dun composteiro plástico e ensinan o seu funcionamento, dando as instruccións sobre os materiais que se deben utilizar e as tarefas de mantemento necesarias para obter un compost de calidade.
Materiais húmidos
Durante a charla, prodúcense demostracións prácticas e os estudantes plantexan as súas dúbidas e inquedanzas respecto ao tema da reciclaxe, en xeral e a compostaxe, en particular. Entre as cuestións plantexadas polos alumnos e alumnas está a dos materiais que se poden meter no composteiro, e os que non. “Entre os que si se poden incluír, están os materiais húmidos e verdes (plantas, froita herba), e os secos e marróns (ramas, follas secas, cartón). Para evitar cheiros, hai que remexelo unha vez á semana e así, ao final obteremos unha terra de cor negro moi fértil: o compost”, explica Xosé Manuel Pousa, técnico contratado polo Concello.
A actividade remátase coa entrega dun acivro pequeno a cada neno ou nena, coa finalidade de que comproben o ben e o rápido que crece a planta co compost.
A clase impartida o pasado luns no colexio CEIP Antonio Fernández, de Goián, contou coa visita da alcaldesa, Sandra González, que quixo presenciar en directo o desenvolvemento da actividade e a reacción dos pequenos.
O Concello de Tomiño puxo en marcha hai uns meses esta iniciativa pioneira, sorteando entre os veciños e veciñas interesados, 15 composteiros. No acto de entrega, os técnicos deron as instruccións necesarias para facer o compost na casa e periodicamente, realizan o seguimento por cada un dos domicilios implicados no proxecto.











