Os centros cívicos coruñeses reciben máis de 1 millón de euros en obras de mantemento
O titular de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, fixo balance esta mañá, das actuacións que a súa Concellaría puxo en marcha nos centros cívicos municipais, dentro do programa inédito de mellora e acondicionamento de equipamentos sociais, presentado o pasado mes de xuño. “Ante a falta dun proxecto axeitado de posta a punto das instalacións cívicas tivemos que poñer en marcha un completo programa que durante tres anos resolverá a totalidade dos graves falles que nos encontramos”, explicou e engadiu: “Trátase dun traballo que tivemos que comezar de cero, analizando exhaustivamente cada centro tras anos de abandono froito dunha pésima xestión do anterior Executivo local”.
Neste sentido, o concelleiro detallou algúns dos principais problemas detectados nos centros cívicos municipais:
– Centros non rematados, pero inaugurados e en uso, como Eirís e Novo Mesoiro que se inauguraron sen urbanizar as zonas nas que foron construídos.
– Centros recentes, que en período de garantía presentan fallos pero non se reclamaron, como Novo Mesoiro e Os Rosales.
– Actuacións tecnicamente reprobables como as que se produciron no centro cívico Dos mallos, hoxe xa reparado, no que se destruíu a cuberta durante as obras de instalación dos equipos de climatización.
– Escaso ou nulo mantemento.
– Deficiencias no campo da eficiencia enerxética.
“Urbanizouse o ámbito deste centro cívico de Eirís, así como o perímetro do de Novo Mesoiro, mellorando a seguridade e creándose novos espazos urbanos para o desfrute dos veciños. Nos mallos, xa finalizaron os traballos de arranxo da cuberta; pintouse o centro cívico de Feáns e abordouse a reforma estrutural da fachada de San Diego”, explicou Miguel Lorenzo, quen engadiu: “Ademais, en Palavea están bastante avanzados os traballos de reparación da cuberta e obras de reforma interior, con novos aproveitamentos do espazo que finalizarán este mesmo ano e en centro cívico veciñal Dos mariñeiros tamén están a rematar os traballos de reforma da cuberta, cun investimento duns 40.000 euros. En novembro concluirán en Monte Alto as obras de reforma da entrada, que adecuarán o centro para albergar novas instalacións e servizos; e este mes comezaron as obras do centro cívico do Castrillón”.
O concelleiro de Servizos Sociais destacou tamén outras obras que se levarán a cabo como o proxecto de reforma do centro cívico Dos rosales, cuxo presuposto definitivo estará en torno aos 300.000 euros, ou o Centro de Información da Muller, no que está a tramitarse a aprobación do proxecto de reforma da cuberta. “En definitiva, despois de longos procesos de tramitación e licitación, por fin puxéronse en macha a infinidade de obras que necesitaban os nosos centros cívicos tras anos de abandono”.
O programa de mantemento dos centros cívicos municipais contan cun investimento, xa autorizado e tramitado para este ano 2013, que supera os 700.000 euros, a máis alta dende 2004, aos que hai que sumar os 300.000 euros previstos para a futura actuación Nos rosales. “Pero hai máis. Outro millón de euros, con cofinanciamento europeo de Urbana-C destinados á obra, xa concluída, do novo centro Boandanza xunto aos 400.000 euros que se utilizarán no seu equipamento interior,” matizou. “Esta infraestrutura de primeiro nivel -engadiu-, que incorpora centro social, comedor social e centro de día, inaugurarase nos próximos meses mellorando substancialmente a calidade de vida dos veciños do Agra del Orzán”.
Así, o concelleiro recordou que o investimento media anual en centros cívicos é de 524.800 euros, fronte aos 349.000 euros da época do bipartito, e os 121.000 euros do último Goberno socialista; unha tendencia que tamén se mantén no investimento centro por centro.
Actividades en centros cívicos
Miguel Lorenzo tamén destacou o esforzo que se está a levar a cabo dende a Concellaría para dotar aos centros cívicos de proxectos para todos os públicos, destinando 735.000 euros para actividades socioculturais e mantendo a súa aposta polos campamentos infantís con 240.000 euros.
“O programa de actividades considera grandes novidades, reforzando o esforzo de ocio, sociocultural e de intervención socioeducativa nos centros cívicos e abrindo novas posibilidades, inéditas ata hoxe,” explicou o concelleiro quen destacou algúns programas como Reforzo escolar en Ciencias para educación secundaria, un proxecto que, de forma piloto, acollerá 48 alumnos en 4 centros cívicos, promovendo habilidades persoais e académicas; o paquete específico de actividades relacionadas co Samaín, a celebración tradicional en Galicia da festa de Todos los Santos; Sábados Cívicos, o programa cuxo obxectivo é facilitar a realización de actividades de ocio e tempo libre a aquelas persoas ás que por razóns laborais, de estudo ou persoais lles resulta imposible ou moi difícil acudir ás actividades que se realizan nos centros cívicos en días laborables; e unha ampla oferta lúdica, para a poboación maior de 16 anos, que permite gozar do ocio e tempo libre contribuíndo ao enriquecemento persoal, ás relacións sociais e á mellora da calidade de vida, con actividades como a cociña de outono-inverno, talleres de xestión do estrés e técnicas de relaxación, iniciación ao aerobic latino, taller de baile en parella, taller de costura de supervivencia ou curso interxeracional de fotografía dixital para principiantes.
“Este compromiso é outra mostra da aposta deste Goberno municipal polos centros cívicos, cuxa xestión implica ás persoas e aos temas que nos interesan, que son o primeiro lugar de consulta de moitos veciños, e o seu punto de encontro e de ocio”, concluíu Miguel Lorenzo.











