Os areais da Concha e Morouzos, en Ortigueira, renovan a Bandeira Ecopraias pola súa calidade ambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOrtigueira
A-
A+

A “Bandera Ecopraias” volverá ondear o próximo verán nos areais de Morouzos e A Concha. O fallo do xurado fíxose público o venres en Valencia durante o “XV Congreso internacional de praias”, organizado por Ategrus. Os distintivos conseguidos polo goberno local premian a calidade das praias orteganas, así como os servizos que ofrecen ao bañista.

Ortigueira figurará no grupo dos 39 municipios españois recoñecidos con este premio, que na zona Norte conseguiron tamén areais das localidades de Santander, Gijón, A Coruña, Laredo, Bakio, Noja e Nigrán. En total, a insignia lucirá en 60 praias de todo o país.

Para a concesión da “Bandera Ecopraias 2013” tivéronse en conta cuestións como a calidade excelente das augas, a limpeza dos areais, a oferta de equipamentos ou o conxunto de servizos prestados aos usuarios (salvamento e socorrismo, información…) nun contexto económico especialmente complicado.

Entre os avances valorados polo xurado para renovar por sétimo ano a bandeira de Morouzos e, por segundo, no caso da Concha, destaca o carácter innovador da aposta emprendida polo concello por incorporar as novas tecnoloxías á difusión turística e a promoción do patrimonio natural das praias e o seu ámbito (códigos QR).

Acicate para seguir mellorando

Sosteñen dende a casa do concello que a obtención do recoñecemento supón da Asociación técnica para a Xestión de Residuos e Medio supón unha motivación engadida para seguir traballando por mellorar os areais. Neste sentido, avánzase a intención de acometer de cara á próxima campaña estival actuacións encamiñadas a poñer a punto os paseos de ambas as dúas praias, na actualidade, deteriorados polo paso do tempo.

Cabe recordar que as praias de Morouzos e A Concha foron merecedoras o pasado verán da Bandeira Azul de FEE-ADEAC e que, no marco desa campaña internacional foron distinguidos ademais como Sendeiro Azul e Centro Bandeira Azul o itinerario polo bordo litoral de Ortigueira e o Museo Ortegalia.

22 de outubro de 2013 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.