Os adxudicatarios das 12 vivendas de protección rehabilitadas polo CCVV visitan os inmobles sorteados

Bravo Bosh na reunión cos adxudicatarios
Os adxudicatarios das últimas 12 vivendas de protección autonómica (VPA) reuníronse coa delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo, María José Bravo Bosch. Este organismo foi o encargado da rehabilitación das vivendas que foron sorteadas o pasado 17 de setembro polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). O encontro serviu para que coñeceran de primeira man o proceso aberto a partires de agora, así coma para que visitaran os pisos que lles tocaron. Tamén celebrouse un novo sorteo de asignación dalgunhas vivendas, xa que houbo casos nos que foron elixidas por máis dun futuro propietario.
Bravo Bosch, acompañada polo xerente do CCVV, Alfonso Ramos, aproveitou o encontro para agradecer a aposta destes adxudicatarios por tomar a decisión de residir no barrio histórico, inmerso nun profundo proceso de rehabilitación integral.
Os adxudicatarios das 12 vivendas de protección, que previamente estiveron inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia, teñen un prazo de 45 días naturais para formalizar as súas hipotecas e rematar logo o proceso coa firma das escrituras de compravenda e entrega de chaves das súas novas vivendas. Para cando remate esta cuarta fase de pisos rehabilitados polo CCVV postos no mercado, xa residirán no barrio histórico un total de 58 novas familias.
Os últimos pisos sorteados están emprazados nas rúas Ferraría 25, 27, 29 (5), Ferraría 31 (1), Canellón do Estreito, 12 (2) e Ferraría 33-35 (4). A vivenda máis barata custa 71.869,92 euros (sen IVE), mentres que a máis cara é de 162.554,62 euros (sen IVE). Trátase dos primeiros pisos sorteados logo da rebaixa dos seus prezos nunha media de 27.000 euros do seu custo inicial, decisión adoptada polo CCVV para facilitar a chegada de máis familias ao barrio histórico. O aforro máis importante é duns 44.000 euros.
Durante a reunión cos adxudicatarios, Bravo Bosch recordoulles ademais o convenio de colaboración que o organismo segue a ter en marcha con tres entidades financeiras (NGB, BBVA e KutxaBank) e co que se pretende facilitar a concesión de hipotecas aos adxudicatarios das vivendas rehabilitadas polo Consorcio.
Actualidade do CCVV
O organismo –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo- segue adiante coa recuperación do Casco Vello. Dende a súa creación ata agora, o CCVV adquiriu 64 inmobles, dos cales 34 foron xa totalmente rehabilitados, o que se traduce na consecución de 20 locais comerciais e 77 vivendas -60 para venda, 12 para aluguer e 5 para realoxos-.
Na actualidade, hai 6 inmobles cuxas rehabilitacións están en execución, e darán lugar a 14 vivendas e 3 locais comerciais. En canto aos 11 inmobles cuxas rehabilitacións están en fase de proxecto, deles sairán outras 27 vivendas e 7 locais comerciais. Por último, 6 inmobles adquiridos están a espera do correspondente proxecto.
Ao longo destes anos, outros 7 inmobles foron transmitidos a outras institucións, en concreto, un á Xunta de Galicia para o Servizo de Notificacións e Embargos, 4 para os Rexistros da Propiedade e 2 para o Concello de Vigo.











