Ortigueira mellorará a sinalización do “Camiño da Costa” coa incorporación de códigos QR aos seus paneis informativos
O Concello incorporará códigos QR á sinalización do “Camiño da Costa”, que se estende entre o embarcadoiro de Ladrido e a parroquia de Loiba. O proxecto, cofinanciado polo GAC A Mariña- Ortegal busca mellorar a dotación da ruta pedestre, brindando aos senderistas a posibilidade de acceder a través do móbil a información adicional sobre os principais puntos de interese do percorrido. A iniciativa contribuirá a divulgar os valores do litoral de Ortigueira.
A Concellaría de Turismo, que no mes de abril estreaba a Oficina Virtual de Turismo (OVT) e que ultima a instalación dun punto de información multimedia no núcleo urbano, dará deste modo un paso máis no uso das novas tecnoloxías para optimizar a información en destino que reciben o visitante.
A pequena subvención concedida permitirá crear un apartado específico sobre esta ruta dentro da OVT cunha decena de puntos de interese geolocalizados, e dispoñer de vinilos cos códigos para a súa distribución ao longo do percorrido, aproveitando os paneis xa existentes.
A actuación municipal, cun investimento aproximado de 1.500 euros, está cofinanciada polo Ministerio de Medio e Medio Rural e Mariño, a Consellería del Mar e o Fondo Europeo de Pesca ao abeiro do plan estratéxico zonal, que busca contribuír á promoción económica, dos municipios pesqueiros.
O “Camiño da Costa” discorre polo litoral das parroquias de Ladrido, Espasante, Céltigos e Loiba, alcanzando os 20 km e percorrendo treitos de marcada beleza paisaxística e interese ambiental como a zona de acantilados de Loiba, incluída dentro do LIC Estaca de Bares.
Será a segunda ruta do municipio en incorporar os códigos QR. Cabe recordar que este verán, e grazas a FEE ADEAC, os turistas que fan a pé o Bordo Litoral de Ortigueira, paseo entre a zona urbana e a praia de Morouzos, poden xa beneficiarse deste sistema para acceder á información turística.











