Ortigueira contará coa primeira área recreativa con xogos de auga da bisbarra que estará localizada na Alameda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOrtigueira
A-
A+

En cuestión de días, arrancará o acondicionamento dunha parte da explanada terriza da Alameda. A empresa Podium Win SL encargarase dos traballos para urbanizar un total de 1.800 m² deste terreo gañado ao mar, onde o goberno de Rafael Girón levantará a “área recreativa e didáctica do Porto de Ortigueira” que incluirá o primeiro parque urbano con xogos acuáticos da comunidade. A actuación está chamada a reforzar o uso recreativo do espazo, potenciando ademais o atractivo turístico do municipio.

Co obxectivo de axeitar dunha vez a explanada de terra construída en día por Portos de Galicia, o alcalde Rafael Girón decidiu tomar a iniciativa e formular ao organismo autónomo unha cesión de terreo comprendido entre os Xardíns do Dique e a praia urbana para materializar este proxecto de ocio, que conta cun presuposto de execución material de 130.000 euros.

A aposta do rexedor permitirá dotar o municipio dunha área recreativa na que os xogos con auga serán elemento central de diversión e entretemento para toda a familia. Non obstante, dende a casa do concello sosteñen que o proxecto gustará especialmente aos nenos e mozos.

Este singular “parque” urbano, similar ao que se pode encontrar noutros puntos do país, contará con xogos dinámicos e de deseño rechamante- inspirados en elementos da natureza-, con chorros de auga de diferente altura e presión, e aspersores que se activarán, segundo a interacción dos usuarios.

Destaca o alcalde Rafael Girón o carácter novidoso da proposta que emerxerá como un novo atractivo da localidade. Grazas á actuación, que incluirá unha amplísima zona de céspede, pensada para o descanso e a estanza tanto dos usuarios dos refrescantes xogos coma do resto de veciños da localidade e zonas axardinadas para separar ambos os dous espazos, o Concello aspira a quitar o máximo partido a unha superficie hoxe infrautilizada, impulsando substancialmente o seu uso recreativo.

A actuación formulada polo goberno local acaba de ser adxudicada a Podium Win SL e financiarase integramente con cargo ao Fondo de compensación ambiental da Xunta de Galicia.

9 de outubro de 2013 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.