Oroso recuperará a fonte e o lavadoiro de Piñeirón

Lavadoiro e fonte de Piñeirón
O Concello de Oroso vai recuperar a fonte e o lavadoiro de Piñeirón, na parroquia de Gándara, respondendo así a unha petición expresa dos veciños e veciñas desta localidade da parroquia da Gándara. A fonte e o lavadoiro atópanse na actualidade nun avanzado estado de deterioro, sobre todo no que atinxe á canalizacións das augas, que verten ao terreo continuo, dando lugar a unha poza que dificulta o acceso ao lugar.
Tras reunirse cos veciños e veciñas de Piñeirón, o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, comprometeuse a recuperar este entorno, canalizando correctamente as augas para evitar vertidos e garantir un mellor subministro tanto á fonte como ao lavadoiro. Así mesmo, o Concello de Oroso mellorará o estado das pistas desta aldea, unhas con zahorra e outras con rego asfáltico.
A localidade de Piñeirón está situada na parroquia da Gándara, xusto detrás da urbanización Porto Avieira. O alcalde orosán reuniuse cos seus veciños dentro do programa de visitas que está a realizar ás distintas parroquias do municipio, para pulsar directamente as necesidades da veciñanza e tratar de buscarlles a mellor solución posible.











