Oroso organiza as II Xornadas Micolóxicas con saídas ao monte para apañar cogomelos e un xantar-degustación
Debido ao éxito de participación acadado na primeira edición, o Concello de Oroso organiza as II Xornadas Micolóxicas, que terán lugar no centro cultural de Sigüeiro o sábado 9 de novembro. A iniciativa está dirixida a todos os públicos, de xeito que os veciños e veciñas de Oroso que o desexen poderán introducirse no mundo da micoloxía dun xeito moi completo xa que non só conseguirán uns coñecementos teóricos, senón que sairán ao monte a recoller cogomelos, os identificarán e mesmo participarán nun xantar-degustación no restaurante Mariñaos.
Para a realización das xornadas, o Concello de Oroso contará un ano máis coa colaboración da asociación cultural Tarandeira (Ordes). O prezo de inscrición nas xornadas é de 15 euros para empadroados, que quedan en 12 euros no caso de menores de 12 anos. Os non empadroados deberán pagar 22 euros, independentemente da súa idade. Uns pagos que poderán aboar a través da páxina web do Concello de Oroso (www.concellooroso.com). O prazo de inscrición remata o 5 de novembro no centro cultural de Sigüeiro.
Contido das xornadas
As xornadas comezarán ás 9:00 horas do sábado 9 de novembro no centro cultural de Sigüeiro cunha introdución á micoloxía a cargo dun biólogo que dará paso, a iso das 11:00 horas, a unha saída ao monte para recoller cogomelos. Ás 14:30 horas terá lugar un xantar-degustación no Restaurante Mariñaos (Oroso) e pola tarde, xa de volta no centro cultural Fernando Casas e Novoa, procederase á identificación e exposición dos cogomelos apañados durante a mañá.
Para a celebración das xornadas é precisa a inscrición dun mínimo de 15 participantes. En caso de que se excedese o número de prazas, terían preferencia os empadroados en Oroso. O Concello de Oroso non estableceu ningún límite de idade, aínda que si a esixencia de que os menores deberán ir acompañados por un adulto. Máis información e inscricións no centro cultural Fernando Casas e Novoa, de luns a venres (de 9:00 a 14:00 horas) e os martes e xoves (de 17:00 a 20:00 horas) ou no teléfono 981 690 903.











