Oroso concede ás entidades veciñais, culturais e deportivas municipais 53.100 euros en axudas
O Concello de Oroso vén de conceder un total de 53.100 euros en axudas a entidades cidadáns do municipio. Unhas axudas que beneficiarán directamente a quince entidades de participación cidadá, entidades deportivas, asociacións educativas e de Protección Civil que desempeñen a súa actividade no termo municipal de Oroso.
O concelleiro de Relacións Veciñais, Luís Rey Villaverde, explica que “na concesión destas axudas tivemos especialmente en conta tanto o número de socios da entidade como o interese social da proposta realizada. Por iso, a partida que rexistra un maior incremento é a de deportes, xa que en Oroso contamos con máis de setecentas persoas practicando algún tipo de deporte”. De feito, a partida da área de Deportes medrou dos 13.000 aos 21.000 euros; igualando así a partida que recibe a asociación de Protección Civil.
De acordo con estes criterios, as axudas oscilaron entre os 300 euros a Oroso Motor Sport e os 600 euros a Asociación Cultural de Amigos do Acordeón, ata os 8.200 euros da ED Xuventude Oroso (con case 300 rapaces) ou os 3.000 euros de clubs deportivos como a Sociedade Deportiva Deixebre ou o Sigüeiro FC.











