Oroso celebra o Día da Biblioteca co espectáculo de monicreques, clown e karaoke “Canto conto”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOroso
A-
A+

O Concello de Oroso celebrará mañá, xoves 24 de outubro, o Día da Biblioteca coa representación de “Canto conto”, un espectáculo familiar que combina monicreques, clown, música e karaoke. A actuación, organizada polo Concello de Oroso en colaboración coa Deputación da Coruña, terá lugar ás 18:00 horas no centro cultural de Sigüeiro. A entrada é libre e de balde.

“Canto conto” é un espectáculo da compañía “Ni fu ni fa animación” dividido en cinco parte, cada unha delas con cancións que os pequenos poden cantar a través do karaoke, interactuando cos actores e cos monicreques. “Canto conto” narra as aventuras de dous trasnos, Fu e Fa, que veñen de perder o seu lar: o bosque. Unha traxedia que contan a través dunha canción folk.

Acto seguido atoparán un libro máxico, que representa o respecto pola natureza, e atoparanse con divertidos personaxes como a avelaíña Anaftasia (que presentará unha adiviña a ritmo de blues) ou o rato Honorrato (que explicará a ritmo de rock que as cousas que se aprenden nos libros teñen aplicacións na vida real). A representación remata cunha canción na que nenos, pais e avós encárganse de decidir o final do conto. Unhas cancións que os asistentes poden preparar previamente a través da web www.nifunifaanimacion.com.

23 de outubro de 2013 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.