Operarios de obras céntranse estes días no mantemento do parque Miguel Hernández
A Concellería de Obras está desenvolvendo estes días diversos traballos de mantemento e mellora da imaxe no Parque Miguel Hernández, Operarios do departamento e tamén persoal da brigada de tarde arranxan os pequenos desperfectos provocados polo uso das instalacións e melloran a imaxe desta céntrica zona verde.
Os operarios de obras dedicaron a mañá a construír a base na que se asentará a escultura doada pola asociación micolóxica A cantarela e que se inaugurará nos vindeiros días coincidindo co Outono Micolóxico. Ademais, habilitaron un novo desaugue nunha zona do paseo na que se formaba un gran charco cando chovía.
Por outra banda, os traballadores da brigada de tarde están dando un repaso a todos os bancos, substituíndo as láminas de madeira rotas ou que se atopan en mal estado, e repintándoos de novo. Á mellora da imaxe do parque tamén contribúe a ornamentación vexetal realizada nos parterres da praza central que se atopaban baleiros tras ter secado tres palmeiras. O persoal de Xardíns que integra a brigada esta semana ocupouse dos arranxos florais.











