Oleiros pretende fomentar o consumo do produto mariñeiro local no serctor da hostalaría e o Golfo Ártabro

Cartel anunciador da charla
O Concello de Oleiros, en colaboración co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), organiza o vindeiro luns 21 de outubro un encontro que reunirá a diferentes produtores e comercializadores dos produtos do mar no territorio do Golfo Ártabro e o sector da restauración e hostalaría do Concello de Oleiros.
A xornada, que leva como título “Consumamos Produto Local, consumamos calidade: a oferta dos produtos do mar para a hostalaría de Oleiros e o Golfo Ártabro”, pretende potenciar a comercialización dos produtos mariños a través de circuítos curtos, promovendo así unha economía local autónoma, unha mellora da oferta na hostalaría e un beneficio ambiental local e global.
O encontro, que terá lugar no Castelo de Santa Cruz, contará coa participación da Confraría de Pescadores de Barallobre, coa súa experiencia no Centro de Depuración e Expedición de Moluscos Bivalvos Vivos; a empresa Porto-Muíños de Cambre, especializada na comercialización de algas; ou a Depuradora de Mariscos de Lorbé (DEMARLOSA), coa súa experiencia no comercio ao por menor de pescados e mariscos en establecementos especializados; entre outras.
A actividade, cofinanciada polo Fondo Europeo de Pesca e a Consellería do Medio Rural e do Mar dentro dun proxecto presentado ao Grupo de Acción Local Golfo Ártabro, está aberta a todos os públicos e a entrada é de balde.











