Oleiros organiza dous roteiros guiados pola beiramar durante o mes de outubro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

O Concello de Oleiros, en colaboración co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), organiza neste mes de outubro as Xornadas OLEIROS A PÉ, unha actividade de divulgación ambiental que pretende poñer en valor o patrimonio natural e cultural da franxa litoral de Oleiros.

A actividade contará coa realización de dous roteiros guiados por zonas de especial valor natural, histórico e cultural do concello. O primeiro terá lugar o vindeiro xoves 17 de outubro na contorna do Porto de Santa Cruz. Esta actividade comezará cunha breve introdución na sede do CEIDA sobre a singularidade da beiramar de Oleiros, que acolle representacións da maioría das formacións costeiras de toda a península e de gran valor ecolóxico, paracontinuar cun percorrido guiado sobre a historia do castelo e os valores naturais da illa e baía de Santa Cruz, rematando no punto de interese xeolóxico situado na punta do Corvo. A segunda actividade, o venres 18 de outubro, transcorrerá no Monumento Natural Costa Dexo-Serantes. O roteiro, dunhas 3 horas de duración e apto para todos os públicos, pretende dar a coñecer os principais valores naturais da zona norte do concello que fundamentaron a súa declaración como espazo protexido incluído na Rede
Natura 2000. A xornada rematará coa visita a antiga casa do fareiro dos Faros de Mera, a Aula do Mar, que actualmente alberga o centro de recepción de visitantes deste espazo protexido.

O programa OLEIROS A PÉ, cofinanciado polo Fondo Europeo de Pesca e a Consellería do Medio Rural e do Mar dentro dun proxecto presentado ao Grupo de Acción Local Golfo Ártabro, está aberto a todos os públicos e a entrada é de balde.

7 de outubro de 2013 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.