Oleiros acolle o concerto da agrupación búlgara Mandolin Quartet Seasons
O Concello de Oleiros recibe este xoves, 3 de outubro, ás 20.30 horas, o concerto da agrupación Mandolin Quartet Seasons, de Sofía (Bulgaria), enmarcado dentro do XXIV Festival Internacional de Música de Pulso e Púa, no auditorio do centro cultural A Fábrica, en Perillo. A entrada será gratuíta ata completar a capacidade da sala.
Mandolin Quartet Seasons foi fundado no ano 1996 por Assen Dimitrov (1913-2000), quen tamén foi o fundador da primeira orquestra de mandolinas de Bulgaria. Nas súas actuacións os membros do cuarteto combinan as mandolinas e guitarras búlgaras tradicionais coa guitarra clásica e cos últimos conceptos da mandolina e guitarra en Europa.
O cuarteto participou en moitos festivais nacionais e internacionais de música clásica e contemporánea: no 35º, 38º e 40º Festival Internacional de música de plectro en Logroño, España (2001, 2004 e 2006), no 10º e 11º Festival Internacional de Música de Mandolina en Imotski, Croacia (2005 e 2006), no 19º Festival Nacional de Art Apolonia 2003, Bulgaria, no Sofia Summer Fest, Bulgaria (2001), no Balkan Festival de Música de Guitarra, Bulgaria (2003, 2004, 2005 e 2009), entre outros. O cuarteto Seasons actuou en Bulgaria, Alemania, Austria, Hungría, España, Estados Unidos, Xapón, Croacia e noutros países, desenvolvendo concertos conxuntos e participando en proxectos de
intercambio internacional para promover a música de plectro con músicos de renome.











