Oitenta veciños de Oroso participan no espectáculo familiar “Canto conto”

Actuación infantil
Máis de oitenta veciños e veciñas de Oroso, sobre todo nenos e nenas de entre os 3 e os 12 anos, celebraron na tarde de onte xoves o Día da Biblioteca participando no espectáculo “Canto Conto”, organizado polo Concello de Oroso en colaboración coa Deputación da Coruña. Durante algo máis dunha hora, a compañía “Ni fu ni fa animación” conseguiu implicar no espectáculo a nenos e maiores, que non só cantaron as cancións que lles propuñan os trasnos Fu e Fa, senón que mesmo escolleron e escribiron o mellor final para ese conto.
E é que Fu e Fa presentaron aos veciños orosáns un libro máxico, que representa o respecto pola natureza, e déronlles a escoller entre dúas actitudes diante da vida: a representada pola avelaíña Anaftasia (agresora e de rexeitamento á lectura) ou a do rato Honorrato (respectuosa e convencida de que as cousas que se aprenden nos libros teñen aplicacións na vida real). Os rapaces e rapazas de Oroso decantáronse por esta opción, polo que escribiron o final do libro a ritmo de rock, como propuña o rato Honorrato.











