Obradoiro de emprego dedicado a formar a desempregados en cantería e xardinería forestal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosLocalLocal PortadaPontevedra
A-
A+

O obradoiro terá unha duración de seis meses e no mesmo a Xunta está a investir 178.000 euros, que xunto a aportación económica do concello para material e equipamento chegarán ata os 300.000 euros. O obxectivo destes cursos é preparar a 20 alumnos, aos que haberá que sumar o persoal contratado para dar formación en cantería e xardinería forestal: un director, un titor, dous monitores e un administrativo.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou na inauguración do obradoiro de emprego “Cambados Turismo Sostible II”, acompañado do alcalde da localidade, Luis Aragunde.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra mostrou a súa satisfacción por poder inaugurar esta iniciativa que ten “un obxectivo claro, dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reinsertarse laboralmente. Non podemos esquecer ademais”, engadiu Cores Tourís, “que en total son 25 as persoas que grazas a estes obradoiros, obteñen un posto de traballo, uns formándose e outros formando”, en relación aos titores e monitores dos dous cursos. Destacou o delegado territorial o feito de que no proceso selectivo contaron con vantaxe as mulleres e os parados de longa duración.

De feito, as persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibirán o Salario Mínimo Interprofesional, 641,40 euros ao mes durante os meses que durarán estes proxectos.

Os alumnos e alumnas centrarán as súas prácticas na recuperación do patrimonio popular e na restauración e acondicionamento do lavadoiro de San roque. Tamén se recuperará a fonte do Pardiño e se recuperará o seu entorno. O alumnado, segundo explicou o alcalde da localidade, tamén ocuparase de acondicionar e mellorar a senda fluvial na desembocadura do río Umia, e revalorizará o espazo público do centro urbano, dotándoo de mobiliario novo e acondicionando o parque infantil de Os Olmos. Dentro das súas ocupacións tamén estará a instalación de elementos singulares de cantería na vila do Salnés.

Finalmente, os alumnos traballarán tamén na adecuación sostible do castro de Sete Pías e no saneamento de Xesteira en Castrelo e Travolve de Arriba en Corbillón.

Luis Aragunde agradeceu a visita do delegado territorial a estas instalacións e destacou a importancia de que a Xunta “depositara a súa confianza no noso concello para por en marcha este proxecto xa que cumpre varios obxectivos: por un lado formar a desempregados do concello; por outro darlles un traballo durante 6 meses e finalmente, axudarnos a desenrolar importantes obras municipais”.

“Salientar a relevancia que adquiren estas iniciativas para unha comarca como a nosa, onde as cifras de desemprego son elevadas por mor da actual crise económica”, engadiu Aragunde.

Neste senso, José Manuel Cores Tourís, aproveitou a visita ao obradoiro de Cambados para destacar o “manifesto claro de colaboración institucional da Xunta coas entidades locais para intentar que o obradoiros de emprego teñan continuidade na creación de postos de traballo no futuro”. Tamén insistiu o delegado territorial no feito de que “volveremos a este obradoiro ao remate do mesmo para comprobar cómo aproveitaron a súa formación os alumnos e as melloras logradas por eles para o municipio nestes próximos seis meses”.

O delegado territorial recordou que obradoiros como o de Cambados estanse a desenrolar en varios concellos da provincia de Pontevedra. “En concreto, na área territorial da Delegación de Pontevedra, beneficiaranse 287 persoas en 13 obradoiros que poderán contar cun emprego nun momento de crise tan tremendo como o que estamos a vivir”. A esta actuación destinaranse na provincia 2,5 millóns de euros. Na comarca do Salnés, poñeranse en marcha entre hoxe e o próximo xoves tres obradoiros de emprego: Cambados, Mancomunidade do Salnés e Vilagarcía de Arousa, beneficiándose un total de 66 persoas desempregadas da comarca.

En toda Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar pon en marcha estes días un total de 50 obradoiros, que contarán cun investimento de preto de 10 millóns de euros e un número total de participantes que roldará os 1.300.

16 de outubro de 2013 | 00:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.