O trío feminino do Tao participará no Campionato do Mundo de Técnica en Bali

Trío feminino Tao
O trío 1 feminino -formado por Nerea Alamancos Lamas, Isabel Simón Queiro e Alba Castro Asensio (Tao clínica Luís Vilas)- participará mañá no Campionato do Mundo de Técnica, que se celebrará entre os días 31 de outubro e 3 de novembro en Bali (Indonesia). As deportistas galegas acoden a este campionato grazas ao apoio económico do Concello de Vigo, así coma da propia Federación Galega de Taekwondo, xa que a Española decidiu non asumir os gastos de desprazamento ao dito torneo.
Hai que recordar a espectacular tempada que están a realizar estas deportistas que lograron en primeiro lugar o título de campioas de España, para despois acadar a medalla de bronce no Europeo disputado en Nucia (Alacante) a primeiros de maio. As viguesas tiveron que enfrontarse aos equipos de Gran Bretaña, Alemaña, Italia, Portugal, Holanda, Finlandia, Turquía, Dinamarca e Rusia. As galegas soportaron moi ben a presión, sobre todo tendo en conta que era a primeira vez que competían nun evento desta categoría e que tiñan enfronte a equipos dun nivel espectacular como Alemaña (ouro) ou Turquía (prata). España logrou o bronce empatado con Italia.
Tralo Europeo, a Federación Española anunciou que non asumiría o pago do desprazamento a Bali, polo que a Galega comezou a buscar financiamento para esta viaxe, aínda que a situación de crise do país fai moi complicado lograr patrocinios. Finalmente, grazas o apoio do Concello de Vigo, a recadación de cartos coa venda de camisetas, máis o novo esforzo económico da Federación Galega, estas tres deportistas poderán competir no tapiz contra as mellores do mundo en Bali e seguir medrando na súa carreira deportiva. Será a primeira vez que participen como trío nun Mundial, aínda que Nerea Alamancos ten experiencia internacional en parellas 1 e nesta categoría logrou dúas medallas (prata no Europeo e bronce no Mundial).
Na categoría de trío feminino 1, que se celebrará mañá 31 de outubro, participarán un total de 18 equipos e o obxectivo das galegas é lograr entrar na gran final para a que se clasifican só oito.











