O trío feminino do Tao acada o noveno posto no Campionato do Mundo de Técnica en Bali

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

O trío 1 feminino -formado por Nerea Alamanco, Isabel Simón e Alba Castro (Tao clínica Luís Vilas)- ocupou a novena posición no Campionato do Mundo de Técnica, que se está a celebrar entre os días 31 de outubro e 3 de novembro en Bali (Indonesia). As deportistas galegas quedaron fóra da final por só un posto, pero amosaron a súa satisfacción polo seu rendemento nesta proba, que tivo un nivel altísimo.

O obxectivo do trío galego era lograr unha praza para a final (na que entraban 8 dos 18 equipos participantes) e quedaron ás portas de facelo coa súa novena praza. Nerea, Isabel e Alba aseguraron que fixeron unha moi boa competición, mellor que no Europeo, pero nesta oportunidade o nivel era moi superior. Proba diso é que o equipo alemán, que lograra o título de campión de Europa cunha enorme superioridade sobre o resto de países, só puido acabar na quinta posición. Nesta modalidade a superioridade asiática é moi importante. Desta forma, o podio estivo formado por Vietnam (ouro), Irán (prata) e Tailandia (bronce). Na final só entraron dous equipos europeos (Alemaña e Italia).

Gran tempada. O trío galego feminino logrou o título de campión de España, para despois acadar a medalla de bronce no Europeo disputado en Nucia (Alacante) a primeiros de maio. Agora pechan un ano magnífico con este noveno posto no Mundial.

31 de outubro de 2013 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.