O servizo de pintado e sinalización ferrolán actuou en 20 indicacións viarias e sinalizou máis de 3.820 metros lineais
A Concellería de Servizos e Medio Ambiente do Concello de Ferrol, que dirixe Borja Carro Muñoz, informou sobre o balance das actuacións de pintado e sinalización acometidas no que levamos do presente mes de outubro nos barrios de Recimil, Caranza, A Magdalena, A Malata e Catabois. Trátase de actuacións de repaso e reforzo que se executan como complemento aos traballos que se enmarcan no Plan de Barrios e que responden a un plan de integral posto en marcha polo Goberno Municipal cun investimento de 300.000 euros no presente exercicio.
Así as cousas, os operarios de Tragsa, empresa que se ocupa desta prestación municipal, pintaron dende principios deste mes en actuacións de reforzo do Plan de Barrios un total de 3.820,25 metros lineais, dos que 3.344,5 atenden ao trazado de liñas continuas e descontinuas e o restante a traballos de pintado de diferentes sinais viarias horizontais. Así mesmo, os traballadores de Tragsa repasaron 20 indicacións viarias que corresponden con: 7 frechas de dirección, 5 pasos de peóns, 4 cedas ao paso, 3 prazas de aparcamento para minusválidos e un stop. Ademais, foron colocados 14 sinais verticais, das cales 9 eran paneis de “precaución zona escolar” nas proximidades dos centros educativos da cidade e 5 de “prohibido aparcar”. De maneira máis concreta e ordenados por barrios, os traballos foron acometidos nas seguintes rúas:
– Recimil: rúas Pontedeume e Valdoviño.
– Caranza: rúa Cuco Ruiz.
– A Magdalena: rúa Sol.
– A Malata: circunvalación da Malata.
– Catabois: cemiterio de Catabois.
Un total de dous equipos ocupáronse dos traballos de sinalización viaria, con tres operarios cada un. Así, un dos equipos estivo dedicado ao pintado e o outro encargouse da colocación de sinais verticais











