O servizo de orientación laboral lalinense ofreceu información e asesoramento a máis de 350 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O Concello de Lalín seguirá prestando o Servizo de Orientación Laboral segundo resolución recibida da Consellería de Traballo esta mesma semana coa finalidade de pór a disposición os medios técnicos e o asesoramento preciso en materia de intermediación laboral para conseguir o obxectivo de lograr incorporar ao mercado laboral a aquelas persoas que están tendo unha especial dificultade nestes momentos. 

Máis de 350 persoas foron atendidas no Servizo de Orientación Laboral e Bolsa de Emprego no que vai de ano, sinala a concelleira de Actividade Económica, Comercio e Emprego, María José Batán.

A responsable municipal explica que “a través de entrevistas persoais realizadas por técnicos especializados, se analiza ou elabora o curriculum vitae dos demandantes de emprego, para logo incorporalo á Bolsa de Emprego e informar sobre as posibles ofertas que existan tanto a nivel local como outras que se difunden a través de calquera outro medio (medios de comunicación, portais de emprego, etc).

O asesoramento inclúe tamén a formación necesaria para presentarse a unha entrevista de emprego, así como aquela relativa ao acceso a cursos de formación que se axeiten ao perfil do demandante (cursos de formación ocupacional específicos nunha competencia determinada, formación en idiomas, novas tecnoloxías, competencias clave..) ou ben, programas como obradoiros de Emprego, entre outros.

Así mesmo, os demandantes de emprego poden obter información sobre as distintas convocatorias de prácticas non laborais (prácticas en empresas) ou bolsas que se ofertan dende institución publicas (Deputación, Xunta, etc.) ou tamén dende empresas privadas.

AXUDAS PARA A CREACIÓN DE MICROEMPRESAS

Aquelas persoas que optan pola creación do seu propio posto de traballo, a través do autoemprego ou da posta en marcha dunha nova empresa, son asesorados polo departamento de axente de emprego a través do que se realiza desde a análise da idea de negocio, e a realización do plan de empresa ata o acompañamento e asesoramento para a posta en marcha e as axudas compatibles coa actividade empresarial correspondente.

Batán destaca neste punto “a liña de axudas específicas que o Concello de Lalín ten para a creación de microempresas, que se materializará por primeira vez neste ano 2013 para aquelas actividades que a soliciten antes do 31 de outubro e que sexan correspondentemente baremadas”.

A intención é achegar e pór a disposición do usuario os máximos servizos e recursos  posibles para fomentar a posta en marcha de iniciativas empresariais e a creación de emprego, obxectivo para o que se está a loitar dende a Concellería de Emprego para conservar e potenciar os mencionados servizos. As persoas interesadas deberán poñerse en contacto do departamento municipal de Emprego.

6 de outubro de 2013 | 12:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.