O Santiago(é)Noite será o mellor complemento para o Santiago(é)Tapas
O Santiago(é)Noite servirá, un ano máis, coma o mellor complemento para o Santiago(é)Tapas que terá lugar na capital de Galicia do xoves 7 e o domingo 24 de novembro. Dez serán os establecementos da zona nova e da zona vella que ofrecerán combinados e cócteles preparados con motivo desta cita. Os locais do Santiago(é)Noite son: Armería, Atlántico, Bolengo, Casa das Crechas, Garoa, Kapital, La Flor, O Boneco, Retablo e Sónar.
Os establecementos do Santiago(é)Noite ofrecerán as súas creacións nos seus horarios habituais. O prezo será de 3,5 euros para quen presente o seu tapasporte, o documento con toda a información sobre o certame e no que se selan as distintas visitas aos establecementos. No tapasporte é posible coñecer máis sobre eses combinados.
A sexta convocatoria do Santiago(é)Tapas contará 66 establecementos e 109 petiscos.
O seu xurado vai incluír cociñeiros, xornalistas gastronómicos e seareiros do Santiago(é)Tapas que se inscriban nesta opción a través das redes sociais sociais twitter @santiagoetapas e facebook.com/santiagoetapas. A fidelidade dos afeccionados ao Santiago(é)Tapas é un dos puntos fortes dun concurso que é referencia en Galicia.
Hostelería Compostela organiza e promove este concurso, co patrocinio de Turismo de Santiago e a colaboración de diferentes empresas do sector agroalimentario e turístico.
Mecánica do concurso
Para o público, o Santiago(é)Tapas repetirá a súa mecánica habitual. Os clientes dos distintos locais poderán probar as tapas a un prezo único de 2 euros e, selando o seu tapasporte, optarán a numerosos premios directos ao completar as distintas (é)tapas e tamén entrarán en sorteos. O seu pousavaso servirá como papeleta para votar a calidade do petisco.
O mapa de Santiago volverá dividirse en (é)tapas. As (é)tapas son os roteiros nos que se agrupan os distintos locais participantes, segundo criterios de proximidade.
En total, hai seis premios distintos para os establecementos. O xurado profesional establecerá catro premios, ás tres mellores tapas e unha á mellor tapa elaborada con conservas. Pola súa banda, o público, cos seus votos nos pousavasos depositados nas urnas, será quen escolla a Tapa do Público e o Premio do Público (é)xcelente ao establecemento máis valorado como experiencia global de cliente.
Coa finalidade de que os visitantes e turistas que se atopen na cidade nas datas do Concurso tamén gocen del, o Tapasporte Express será unha versión reducida e intensiva do Tapasporte.











