O Santiago Futsal quere seguir invicto na casa cunha festa ante a súa afección
Mañá dispútase a novena xornada de liga entre Santiago Futsal e Xaén Paraíso Interior no Multiúsos Fontes do Sar ás 18 h aproveitando o día festivo. Os santiagueses buscarán continuar co seu bo refacho de resultados na casa, onde aínda non perderon despois de disputar 3 partidos.
O Santiago Futsal chega a esta xornada en quinta posición e con 14 puntos, tras ter xa a súa xornada de descanso, ao igual que o seu rival, o recén ascendido Xaén Paraíso Interior, que ocupa o décimo segundo posto con 5 puntos tras conseguir unha vitoria a domicilio ante Col. Areas Gran Canaria e dous empates ante Umacon Zaragoza e Montesinos Jumilla.
A nivel médico, Hamza e Mario Costa continúan co proceso de recuperación das lesións. Para este partido, os 13 xogadores estarán dispoñibles para Santi Valladares, se ben Barroso arrastra molestias dende principios de semana, aínda que hoxe xa adestrou co equipo. Os árbitros do encontro serán Gallo Suárez e Velasco Martínez do colexio asturiano.
Sala de prensa
Santi Valladares, técnico do Santiago Futsal, compareceu esta mañá en rolda de prensa afirmando que “a priori é un partido complicado, que como non saiamos como temos que saír pode pasar o de Jumilla. Son tres puntos que debemos gañar, tres puntos moi importantes, fundamentais para a Copa,”.
Con respecto ao rival, Santi Valladares afirma que “calquera equipo che pode gañar. Xaén ten un equipo con xente moi experimentada en primeira división, xente con calidade e que van vir a competir aquí ao máximo nivel. A pesar da posición que ocupan na táboa é un equipo que competiu moi ben fóra de casa, vencendo a Gran Canaria, empatando en Jumilla, unha pista moi complicada e perdendo pola mínima ante Navarra,”.
Outra información de interese
As portas do Multiúsos abrirán ás 16,30h para celebrar a “II Festa da Familia”, onde os máis pequenos poderán gozar con inchables, talleres de pintura e maquillaxe e a zona de entretemento de Planeta Magic.
Todos aqueles que veñan disfrazados ao partido recibirán un “doce” regalo de Pecados de Compostela.
Os afeccionados poderán colaborar coa asociación “Xuntos Podemos” traendo ao pavillón os seguintes produtos de necesidade para as ONGs e asociacións compostelás coas que colaboran:
– Cueiros
– Pantalóns vaqueiros de home
– Compresas
– Produtos de primeira necesidade de bebés (cremas, gasas, alcohol do 70º, biberones,…)
– Produtos de canastra
– Cadeiras de paseo de bebé de primeira e segunda idade
– Berces
– Chuvasqueiros novos de neno e nena (entre 3 e 14 anos)
– Alimentos de bebé e nenos (leite en po, potitos de caducidade alta,…)
– DESA (desfibrilador externo semiautomático)
Borja Golán realizará o saque de honra antes do partido tras proclamarse por undécima vez campión de España de squash.
No descanso sortearanse uns cascos de Star Center e unha cea para dous no Hotel Oca Puerta del Camino.
Fresh Pizza (C/ Rosalía de Castro, 126) ofrece aos que presenten o seu aboamento ou entrada do partido un desconto do 50% no seu pedido a recoller en local.
Entradas á venda para o partido nas oficinas do club ata mañá venres ás 13,30h e en despachos a partir das 16,30h.











