O Santiago Futsal busca a súa primeira vitoria fóra da casa ante o Montesinos Jumilla
O mércores 16, dispútase a sexta xornada de liga que enfrontará ao Santiago Futsal contra Montesinos Jumilla, na casa do recén ascendido. O encontro será a partir das 20,45h no recén inaugurado Pavillón Carlos García Ruíz e os santiagueses buscarán con esta visita a súa primeira vitoria fóra de casa.
E é que aínda que tras cinco xornadas, os de Santi Valladares continúan invictos, buscan con este partido a súa primeira vitoria a domicilio tras empatar ante Hospital Llevant Manacor e FC Barcelona Alusport. En 4ª posición e con 11 puntos (a só 2 da cabeza), os santiagueses enfrontaranse a un recén ascendido Montesinos Jumilla, que tras disputar só 4 xornadas (xa tivo a súa xornada de descanso) suma 7 puntos tras lograr dúas vitorias, un empate e unha derrota ante inter Movistar, se ben na súa casa aínda non perderon.
O Santiago Futsal buscará seguir sumando para continuar afianzándose nos postos de cabeza e conseguir canto antes o seu obxectivo de clasificarse entre os 8 primeiros ao final da primeira volta. Tras este partido, o Santiago Futsal terá a súa xornada de descanso, polo que o equipo gozará de 4 días libres.
Os convocados que viaxan a Jumilla son: David, Barroso, Palomeque, Lucho, Eloy Rojas, Juanjo (páx.), Pablo Tallón, Hugo, Raúl (páx.), Chus, David Pazos e Quintela. Os árbitros do partido serán Pena Díaz e Pena Gómez do colexio andaluz.
Sala de prensa
Santi Valladares, técnico do Santiago Futsal, afirmouo que “a falta de información sobre un equipo recén ascendido, como o Montesinos Jumilla é unha adversidade. Vai ser un partido complicado, na súa casa e non hai que esquecer que eles levan 7 puntos e xa descansaron unha xornada, polo que se imos alí e cremos que xa temos os 3 puntos sen baixarnos do avión, probablemente xa nos volvamos de volta sen nada,”.
O técnico engadiu que “temos que seguir mellorando. Somos conscientes de que o outro día fixemos cousas moi mal e non podemos estar a flutuar desa forma, cunha primeira parte que non damos tres pases seguidos e unha segunda parte na que marcamos 6 goles, temos que ser máis constantes. Temos que facer un bo quentamento e saír en Jumilla como saímos aquí contra Umacon ou contra El Barça, iso é o que temos que facer e non especular”.











