O programa Hefesto celebra a saída moteira
O programa Hefesto celebra este sábado, 2 de novembro, a terceira das accións que quedara aprazada o pasado 19 de outubro polo mal tempo. Esta acción leva por título “Discapacidade e cultura moteira” na que arredor de 20 moteiros e moteiras levarán nas súas motos a un grupo de discapacitados/as.
A saída será entre as 16.15 e as 16.30 horas dende o Miradoiro de monte Porreiro. A chegada está prevista entre as 17.00 e as 17.20 horas na
praza de España, próximo ao CITA. Cabe lembrar que o programa Hefesto deseña unha intervención innovadora e atractiva no eido da discapacidade, e pretende ser un espazo inclusivo e aberto a novas experiencias onde se misturen o mundo máis urbano e a discapacidade.
O colofón de Hefesto será o día 3 de decembro, Día Internacional da Discapacidade, cun acto previsto no Teatro Principal ás 20.00 e ao que están convidadas/as asociacións, axentes sociais, participantes no programa, familiares e calqueira outra persoa interesada. Neste acto proxectarase o documental que se vai elaborando nas tres accións que se programaron.
Hefesto está apoiado polas entidades pontevedresas que traballan pola discapacidade: AMIZADE, XUNTOS-ASOCIACIÓN SÍNDROME DE DOWN, JUAN XXIII, VIRGEN DE LA O, ALBA E AMENCER-ASPACE.











