O presidente da Deputación da Coruña presenta a Rede Española de Turismo Industrial en Madrid
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, presentou esta mañá na antiga serrería belga de Madrid (agora, sede de Medialab Prado) a Rede Española de Turismo Industrial, entidade que preside a través da institución provincial desde a súa fundación. Na presentación, Calvo estivo acompañado pola secretaria de Estado de Turismo, Isabel María Borrego Cortés, e representantes dos sete territorios que engloban, ata agora, esta rede: Sevilla, Cádiz, Segovia, Toledo, Murcia e Alacante, así como o parque mineiro de Almadén.
Tras unha exposición técnica, Calvo comezou explicando que a necesidade de fundar a Rede Española de Turismo Industrial xurdiu baixo unha premisa básica: “O turismo como sector importantísimo dentro da economía española e nos diferentes territorios que abarca esta rede”. Partindo desta base, o presidente da Deputación coruñesa incidiu na “particular sensibilidade” demostrada polos socios fundadores “ante a necesidade de explotar uns recursos que consideramos únicos e exclusivos”.
“O Turismo Industrial é un concepto relativamente novo en España pero que desde hai varias décadas funciona e ofrece excelentes resultados no norte de Europa. Desde a RETI comprendemos que tiñamos un potencial neste sector que sería unha nova fonte de riqueza para os territorios”, explicou o presidente.
Diego Calvo destacou, ademais, a dobre vantaxe da implantación de iniciativas deste tipo, engadindo á puramente turística (na que se inclúen os beneficios económicos, a dinamización do territorio e a desestacionalización do destino), unha segunda oportunidade baseada na consolidación da confianza do propio territorio.
“O turismo industrial é unha magnífica oportunidade para dar unha segunda vida a aqueles territorios nos que se desenvolveu unha actividade fabril que, no seu momento, foi a principal xeradora de riqueza da súa poboación, pero que actualmente se viu reducida a ruínas ou espazos onde se esconden maquinarias obsoletas”, incidiu Calvo. “Son parte do noso pasado, da nosa herdanza industrial e, como tal merecen a nosa homenaxe e recoñecemento”.
A cidade de Ferrol e a súa Ruta Naval
Nesta mesma liña, o presidente provincial expuxo ante os profesionais do sector e os medios o caso concreto da cidade de Ferrol “nacida por e para o mar” e a posta en marcha da súa Ruta Naval “que dá a coñecer restos industriais que deixan de ser unha carga para converterse en apreciados elementos pola sensibilidade social. Algo que hai uns anos era impensable”.
Como resultado da implantación destes novos produtos e despois do traballo realizado desde a RETI, a cidade ferrolá acollerá no 2014 o V Congreso Europeo de Turismo Industrial e a terceira edición das “Crossroads of Europe” organizadas desde a Comisión Europea a través da Dirección Xeral de Empresa e Industria.
Rede aberta
Calvo quixo aproveitar a súa exposición para falar dunha rede “aberta e con vocación de crecemento” convidando a empresarios e institucións a unirse ao proxecto. Neste sentido, o presidente provincial engadiu que o Turismo Industrial é unha opción para as actividades empresariais aínda en funcionamento e destacou os beneficios relativos a “crear e mellorar a imaxe de marca” xurdidos a través deste tipo de iniciativas.
Como aval da rendibilidade do turismo industrial en fábricas en activo, Diego Calvo quixo pór o acento “na calidade da oferta que estamos a presentar, garantías fixadas nos obxectivos fundacionais da RETI establecendo un modelo de calidade que deben cumprir empresas e organizacións”.
Novos socios
É por iso que, aos socios que actualmente integran esta rede, xa se sumaron os concellos coruñeses de Arteixo, As Pontes e Ferrol cuxos concelleiros estiveron presentes no acto. Tamén solicitaron a súa adhesión outras entidades como a Autoridade Portuaria da Coruña, Exponav, Conservas Natureza e Conservas Amieiro, Navantia e Sargadelos, entre outros.
Apoio da Secretaría de Estado
Pola súa banda, a secretaria de Estado de Turismo, quen definiu a presentación como “o punto de partida para que a RETI siga crecendo”, coincidiu co presidente da Deputación nas posibilidades que abre o Turismo Industrial dentro do sector. “España ten moito que ofrecer e ten unha proposta diferencial dentro da Marca España que inclúe o seu patrimonio artístico, histórico, patrimonial e, mesmo, industrial”, explicou.
Entre os datos expostos pola Secretaria de Estado, destacou a importancia que o sector turístico ten na economía española representando un 11% do Produto Interior Bruto e situándose como a actividade económica que máis crecemento experimentou en épocas de dificultade. Nesta área, Borrego considerou fundamental “a unión dos sectores público e privado”.
Para continuar o progreso do sector, Isabel Borrego asegurou que ve no turismo industrial un “novo nicho de mercado sen explotar” e comprometeu o apoio a un novo produto “con garantías de calidade e que comparte obxectivos coa política turística actual”.











