O pleno municipal de Allariz debaterá os orzamentos municipais 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAllariz
A-
A+

O Salón de Plenos do Concello de Allariz acollerá, o venres 25 de outubro ás 19:30h, a sesión ordinaria do pleno municipal. A orde do día inclúe, como é habitual, a probación, se procede, do borrador correspondente á sesión do pasado 27 de setembro de 2013 e a conta das resolucións adoptadas pola alcaldía dende a última sesión.

Destacan a aprobación inicial, se procede, do Orzamento Xeral 2014 e as aprobacións da modificación da ordenanza reguladora do cadro de tarifas do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica, do servizo de recollida de lixo para o ano, auga e saneamento e servizo de instalacións deportivas para o vindeiro ano 2014.

Tamén se levará a cabo a aprobación provisional e imposición e ordenación da taxa polo aproveitamento especial de terreos de dominio público con caixeiros automáticos, instalados na fachada de establecementos bancarios e con acceso directo dende a vía pública.

Os diferentes grupos políticos presentarán varias mocións. O BNG presentará tres mocións. A primeira delas para eliminar o copagamento de medicamentos a persoas doentes crónicas non hospitalizadas na sanidade pública; outra para demandar a aplicación de novos criterios no financiamento da administración local galega; e a última instando a correcta sinalización da autoestrada A-52 ao seu paso por Allariz.Pola súa parte, o grupo popular, presentará unha moción de condena a todo tipo de actos de terrorismo, e entre eles, os levados a cabo pola organización terrorista  Resistencia Galega. Por último, haberá quenda de rogos e preguntas.

23 de outubro de 2013 | 20:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.