O pleno de Teo votará propostas en contra do copago hospitalario
A corporación teense reúnese este luns 28 de outubro para celebrar a sesión ordinaria do pleno deste mes, adiantando a data da sesión por acordo da Xunta de portavoces. O debate terá lugar, como xa é habitual, en horario de tarde, ás 20:00 horas, para facilitar a asistencia das persoas interesadas e celebrarase no salón de sesións da Casa Consistorial, na Ramallosa.
No pleno debaterase sobre o copago hospitalario grazas a dúas mocións, unha do grupo de goberno e outra do PSOE, na que se rexeita esta medida e se pide a súa retirada. Tamén se atenderán outros temas de ámbito social xa que o BNG presenta unha moción na que se lle pide á Xunta que incorpore unha partida nos orzamentos para o ano 2014 que garanta a prestación do Servizo de Axuda no Fogar.
Na sesión de outubro votarase a proposta da alcaldía sobre a recuperación dun camiño en Mouromorto no que se desestiman as alegacións presentadas neste expediente. Así mesmo lévanse dous puntos sobre a adaptación normativa do Regulamento municipal para a prestación do servizo de vehículos de aluguer con condutor, auto-turismos.











