Ponte Caldelas aproba, tras 6 anos de conxelación, a actualizacion da taxa de recollida de lixo
O Pleno Extraordinario da Corporación Municipal de Ponte Caldelas aprobou, cos votos a favor do PPdeG, a actualizacion da taxa de recollida de lixo no municipio como consecuencia da suba do canon de SOGAMA, un 34%, polo tratamento dos residuos sólidos urbanos a partir do ano 2014. Este servizo supón un importante déficit para as arcas municipais, que supera os 180.000 euros.
Ademais o Pleno aprobou, coa abstención da oposición, a modificación de crédito que permitirá a achega dunha reducida parte municipal nos investimentos que se acometerán conxuntamente coa Xunta na humanización da Avenida de Vigo, a mellora do acceso á área arqueolóxica de Tourón, a través do Camiño de San Ramón, a creación dun parque infantil e biosaludable na área recreativa do Pío e a dotación dun sistema de videovixilancia no Polígono Empresarial da Reigosa, que supoñerá un investimento total aproximado no municipio duns 205.000 euros dos cales o Concello achega ao redor de 44.000 euros.
Estas modificacións de crédito permitirán tamén a adquisición dunha moqueta acolchada para poder situar sobre a pista do pavillón polideportivo co fin de preservar a cancha en caso de que se celebre algún acto neste escenario como a Feira de Oportunidades que todos os anos organiza a asociación de comerciantes COEMPO ou calquera outro tipo de actividade que poida acoller esta instalación deportiva.
A decisión do Goberno de España de retirar as axudas ás enerxías renovables, que provocou que a Xunta autorizase a SOGAMA a cubrir os prexuízos que lle carrexan esta redución nos seus ingresos coa suba dun 34% no custo que lle imputará, a partir do próximo ano, aos concellos polo tratamento dos residuos sólidos urbanos capitalizou gran parte do debate plenario municipal.
Así, o alcalde Perfecto Rodríguez manifestou o seu pesar por ter que imputar parte desta suba aos veciños pero a necesidade de evitar unha quebra no servizo e poñer en perigo a economía municipal fai imposible adoptar outra decisión.
Durante o debate plenario o alcalde, Perfecto Rodríguez, explicou que “a partir de próximo ano, o canon de SOGAMA se incrementará nun 34%, tal e como acaba de comunicar a Xunta, e pasará a ser de 82,10 euros por tonelada (74,64 euros +10 euros de IVE) o que supoñerá para un municipio como Ponte Caldelas un sobrecoste neste canon de case 50.000 euros máis, que incrementaría ese déficit no servizo e que o Concello ten a obriga de repercutir no recibo para cumprir cos requisitos de estabilidade presupostaria que esixe a normativa estatal”.
SEIS ANOS DE CONXELACIÓN DA TAXA DE LIXOS
Perfecto Rodríguez sinalou no debate que asumir ese incremento con fondos propios do Concello é inasumible e recordou que “a taxa de recollida de lixo en Ponte Caldelas está conxelada dende hai 6 anos (ano 2008) e se mantivo así precisamente pola intención de non incrementar máis os impostos municipais, non obstante esta suba do canon de SOGAMA é necesario repercutila no recibo porque pola contra quebraría o servizo e sería unha enorme irresponsabilidade”.
O rexedor argumentou tamén que a súa intención era que o prezo final da taxa de recollida e tratamento de lixo en Ponte Caldelas para o 2014 será de 29 euros ao semestre no rural e de 40 euros na zona urbana. “Precisamente para que esta suba sexa menos gravosa para os veciños, a partir do próximo ano esta taxa pagarase dividida en dous recibos que se emitirán ao final de cada seis meses, e non como agora que se emitía un único recibo anual de 45 euros no rural e de 65 euros na zona urbana. As taxas correspondentes ás distintas actividades comerciais, hostalaría e empresariais increméntanse nunha porcentaxe similar co fin de que a repercusión desa suba do canon sexa lineal para todos os usuarios do servizo”, manifestou o alcalde.
APOSTA POLA CONCIENCIACION CIDADÁ SOBRE A RECICLAXE COMO XEITO DE MINORAR O DEFICIT DO SERVIZO
Por outra parte, o alcalde insistiu na importancia de ampliar a concienciación cidadá sobre a recollida selectiva dos residuos así como incrementar a reciclaxe co fin de que se produza un retorno económico dos desperdicios que produce o municipio e se minore o déficit que se mantén no servizo de lixo. “Se melloramos na reciclaxe reducirían no futuro o custo que temos que pagar a SOGAMA e polo tanto poderemos evitar novas subas do recibo. Mentres puidemos mantivemos as taxas o máis baixas posible, pero esta suba de SOGAMA obríganos a revisala. Aínda así o Concello de Ponte Caldelas seguirá tendo unha taxa inferior á doutros municipio da provincial a pesar de ter un servizo similar ou mellor que o de calquera cidade. A externalización do servizo permitiu ampliar a frecuencia de recollida no rural a 3 días, e na zona urbana aos festivos. Ademais permitiu incorporar a recollida a núcleos con accesos estreitos que antes non tiñan o servizo por non poder entrar o camión. URBASER incorporou un vehículo pequeno para estes núcleos”, matizou Perfecto Rodríguez.
Na actualidade SOGAMA cobra a cada concello polo traslado e tratamento do seu lixo un canon de 61,50 euros por tonelada (55,91 euros +10% de IVE), o que supón un gasto anual ao Concello de Ponte Caldelas de máis de 120.000 €, tendo en conta unha media de 2.000 toneladas ao ano que se xera no municipio.
A este gasto hai que sumarlle o custo do servizo de recollida de lixo que presta a empresa URBASER que ascende a máis de 230.000 € ao ano. Este servizo inclúe a recollida diaria na zona urbana (incluídos domingos e festivos) e a recollida 3 días á semana nas zonas rurais, ademais da recollida e tratamento dos voluminosos (aparellos, mobles, etc.). Tamén a recollida selectiva en todo o termo municipal e lavado de colectores.
O recadado polo Concello ao ano pola taxa de lixo en todo o municipio ascende a 163.000 € o que leva consigo un importante déficit no servizo de mais de 180.000 €, que asume o Concello con outros fondos propios a pesar de que a lexislación tributaria recomenda que as taxas cubran o custo de cada servizo.
Perfecto Rodríguez recordou tamén que, recentemente, nun estudo realizado pola Deputación de Pontevedra para poñer en marcha un servizo mancomunado, se establecía que a taxa mínima dunha vivenda debería ser de 80 euros anuais, con independencia da súa situación en zona rural ou urbana. “Neste estudo aínda non se tivo en conta o novo canon de SOGAMA, que incrementaría esa taxa, o que demostra que Ponte Caldelas aínda está moi por debaixo do custo real deste servizo e que seguirá sendo deficitario para o Concello”, concluíu o alcalde.
CONGELACION TOTAL DE TAXAS, AGÁS AS DO POLIGONO DA REIGOSA PARA EQUIPARALAS ÁS DE PONTEVEDRA NO CAMPIÑO
No referente a outras taxas como auga, saneamento, depuración ou vehículos, a Corporación Municipal de Ponte Caldelas decidiu manter a conxelación para o ano 2014, agás para o parque empresarial da Reigosa que se actualiza de acordo coa actualización, que fai Pontevedra polo parque empresarial do Campiño.
No que respecta ao IBI mantense a taxa no mínimo legal 0,4%, de tal forma que aos veciños de Ponte Caldelas non lles afecta a suba da contribución que o Goberno aprobou o pasado ano.
EQUIPÁRANSE AS TAXAS FUNERARIAS A OUTROS MUNICIPIOS DO ÁMBITO, QUE SERAN ABOADAS POLAS EMPRESAS ASEGURADORAS E NON POLOS VECIÑOS DIRECTAMENTE
Por outra parte, o Concello aprobou a suba das taxas municipais correspondentes a servizos de cemiterios locais, condución de cadáveres e outros servizos funerarios de carácter local que non se repercutirán directamente sobre o cidadán senón que irán a conta das empresas aseguradoras e prestadoras de servizos funerarios. Así, o enterramento e retirada de cinzas a cargo de operarios municipais terá un custo de 100 euros, moi similar, ao que rexe en municipios limítrofes ao de Ponte Caldelas. Esta taxa levaba seis anos sen sufrir ningún tipo de modificación nin incremento do IPC como acontece noutros municipios dos arredores.











