O Plan RUA permitiu actuacións de limpeza e acondicionamento en 36 barrios da cidade
O concelleiro de Medio, Enrique Salvador, fixo esta mañá balance do Plan RUA 2013 (Renovación Urbana e Acondicionamento) ao inicio da súa sexta e última fase e que durante este ano chegará a 36 barrios da cidade, actuando en 1.586.826 metros cadrados de 873 rúas e prazas
“O obxectivo fundamental é o de acudir, polo menos unha vez ao ano, a todos os barrios da cidade dentro do compromiso do Goberno local cos veciños que demandan unha cidade máis limpa, sostible e ordenada,” explicou Enrique Salvador, quen recordou que nesta actuación integral, na que ademais da limpeza se atenden as deficiencias detectadas en inspeccións previas e demandas veciñais, interveñen máis de 30 servizos municipais de distintas áreas como Medio, Infraestruturas, Seguridade Cidadá ou Mobilidade.
O concelleiro de Medio recordou que o pasado 5 de outubro concluíu a 5ª fase do Plan tras o seu paso por seis barrios da cidade durante 34 días: Pedralonga, Eirís, Castrillón Monelos, Labañou e O Birloque. “Nesta última fase acondicionáronse 262.140 metros cadrados en 116 rúas e prazas e realizouse o mantemento de 1.232 colectores e 323 papeleiras, instalando 17 e 11 novas unidades respectivamente. Ademais realizouse o mantemento de 40 marquesiñas e mupis e 57 semáforos; e resolvéronse 246 deficiencias de iluminación pública”, explicou Salvador que recordou actuacións concretas nestas zonas como a renovación de beirarrúas, a eliminación de grafitis ou o mantemento de xardíns. “Ademais -engadiu-, demos resposta a vellas demandas veciñais porque un dos principais obxectivos do RUA é o de escoitar os veciños. Por exemplo, pavimentouse a zona inferior do viaduto da rúa Caballeros para adecualo ao estacionamento de vehículos e facilitar o baldeo da zona, xa que se encontraba en terras e con grandes fochas. Tamén se mellorou a accesibilidade en Labañou, coa instalación dunha rampla peonil que conecta o Grupo de Vivendas Santayana Cos rosales e o Paseo Marítimo, substituíndo unhas antigas escaleiras, unha acción que solicitaran os veciños na anterior edición do Plan,”.
En total, no que vai de ano, xa se actuou en 720 rúas e prazas de 29 barrios da cidade, acondicionando 1.261.666 metros cadrados; limpando 37.964 metros lineais de rede de sumidoiros, 1.880 pozos e 2.548 sumidoiros; e renovando ou acondicionando 2.238 metros cadrados de beirarrúas. Ademais realizouse o mantemento de 210 marquesiñas e recolléronse 6.036 pilas no punto limpo móbil.
O Plan RUA concluirá nunha sexta fase que percorrerá os barrios das Lagoas, 1ª fase de Elviña, Ventorrillo, Santa Margarida – As Pontes, Mestre Mateo, Valaire e Peixaría, acondicionando 325.160 metros cadrados en 153 rúas e prazas, durante 41 días. Así, a partir de hoxe e durante 3 días, o RUA actuará Nas lagoas onde se acondicionarán 22.253 metros cadrados en 10 rúas. Ademais realizarase a limpeza de 800 metros lineais de rede de sumidoiros, resolveranse 11 deficiencias de iluminación, e levaranse a cabo as tarefas de mantemento de 3 marquesiñas, 3 indicadores de dirección, e o pintado de 4 pasos de peóns.
“Nada deste ambicioso plan sería posible sen a colaboración de todos os veciños e veciñas que facilita a realización das tarefas planificadas, permite un mellor rematado das actuacións, e favorece a rotación de vehículos que levan chegando a acumular meses parados moita sucidade baixo eles”, explicou o concelleiro e engadiu: “Ademais, é moi importante esta implicación, cada día mayor,ya que tamén facilita a detección de vehículos abandonados: de xaneiro a setembro abríronse expedientes a 47 vehículos abandonados, o mesmo número que en todo 2012.
O responsable de Medio recordou algunhas das actuacións máis demandadas polos veciños e que xa se levaron a cabo como:
. Substitución dunha marquesiña antiga en Eirís.
. Mantemento dunha marquesiña en Zalaeta.
. Mellora da accesibilidade nun paso de peóns e substitución da beirarrúa na rúa Paseo de Rolda.
. Pintado e limpeza de colectores de lixo selectivo na Falperra ou Sardiñeira.
. Pintado de semáforo e mandos na avenida de Finisterre.
. Pintado do paso de peóns na zona do Agra del Orzán.
. Limpeza e pintado de estanque e substitución dun banco en mal estado na praza dos Avós.
. Actuacións xenéricas como pintado de varandas; limpeza viaria, de rede de sumidoiros e de sumidoiros; eliminación de pintadas
Enrique Salvador asegurou que o Concello seguirá apostando por manter unha cidade sostible dedicando unha especial atención ao coidado dos barrios. “De feito, durante o ano 2013, o Plan RUA, recibiu grande impulso chegando a 10 barrios máis e actuando 50 días máis que na pasada edición”, concluíu.











