O Plan Galego de Igualdade aposta pola diversificación da actividade económica no rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia-
A-
A+
Simposio Nacional de Mulleres Rurais que se celebrou en Teruel

Simposio Nacional de Mulleres Rurais que se celebrou en Teruel

A secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou na mesa redonda “Respostas á situación das mulleres rurais” que ten lugar no marco do I Simposio Nacional de Mulleres Rurais, que se celebra estes días en Teruel, destacou a importancia de potenciar o desenvolvemento profesional das mulleres rurais, xa que iso contribuirá á reactivación económica.

Na súa intervención, a responsable de Igualdade salientou o apoio do Goberno galego ás mulleres que viven e traballan no medio rural e que se materializa en accións concretas recollidas no VI Plan Galego para a Igualdade entre mulleres e homes. Estratexia 2013-2015.

En concreto, a Xunta está avaliando o potencial de diversificación da actividade económica no rural como oportunidade de negocio para as mulleres emprendedoras e empresarias. Ademais apoia de xeito directo proxectos empresariais concretos a través do Programa Emega (de Estímulo a Mulleres Emprendedoras de Galicia), dotado cun orzamento de 670.000 euros para este ano.

Outro ámbito fundamental de acción é a implantación e acceso ás novas tecnoloxías como elemento clave de competitividade hoxe en día. Ferramentas concretas como o comercio electrónico ou a implantación de novas formas de distribución resultan imprescindibles para a viabilidade de proxectos empresariais no rural e para a comercialización de produtos . Para iso é necesario que as mulleres do rural conten coa capacitación e o coñecemento no uso avanzado destas novas tecnoloxías.

Así mesmo a Xunta está traballando na implantación da titularidade compartida das explotacións agrarias como medida para recoñecer e dar visibilidade á participación das mulleres no desenvolvemento rural. O apoio ás mulleres para o acceso á terra con vocación agraria e a mellora das súas capacidades produtivas e o fomento de programas integrais de base comunitaria en zonas rurais que favorezan a súa inclusión social e laboral, son outros dos eixos de actuación do Goberno galego. Tamén quixo facer un recoñecemento ao traballo das mulleres en Galicia como verdadeiras artífices das economías domésticas nas épocas de forte emigración. E tamén se referiu ás Asociacións de Mulleres Rurais que, segundo dixo, hoxe en día traballan de xeito meritorio pola promoción da igualdade entre homes e mulleres no rural nun escenario de escaseo de recursos.

18 de outubro de 2013 | 22:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.