O Pazo de Mariñán acolle o encontro “Servizos Sociais: mellor canto máis cerca”
A deputada responsable da área na institución provincial, Zaira Rodríguez, inaugurou o acto co presidente do Consorcio, Jose Antonio Santiso. Durante a súa intervención, Rodríguez destacou “o grandísimo interese que mostrou o goberno provincial na prestación dos servizos sociais”.
A deputada provincial recordou que nos primeiros orzamentos realizados polo grupo de goberno actual “trazamos unha liña vermella que nunca íamos traspasar e as partidas destinadas a servizos sociais foron as únicas que non se viron afectadas por un necesario recorte dos orzamentos xa que ese ano aumentamos os recursos provinciais destinados ás persoas a través desta área”.
“Non só se trataba de investir máis, tamén había que investir mellor”, indicou Rodríguez referíndose, neste caso, á sinatura do convenio coa Consellería de Benestar da Xunta de Galicia un convenio de colaboración para sentar as bases da prestación dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos dos concellos de menos de 20.000 habitantes.
Outro dos exemplos postos por Zaira Rodríguez para destacar o compromiso provincial cos Servizos Sociais foi o mantemento do Servizo de Teleasistencia que contou ata o ano 2012 co apoio financeiro do Imserso e que foi retirado para o exercicio 2013. “Pensamos nos máis de 1.400 usuarios da provincia que se senten máis seguros co equipo de profesionais que están pendentes de eles as 24 horas do día e os 365 días do ano e soubemos cal ía ser a nosa posición: íamos asumir o 100% do programa”, explicou a deputada.
A colaboración entre entidades e administracións foi outro dos principais eixes de traballo destacado pola deputada provincial, unha forma de traballo na que enmarcou estas xornadas “porque cremos na colaboración como ferramenta vital para lograr os nosos obxectivos. Traballar unidos para obter os mellores resultados. Para acadar os nosos obxectivos comúns”.
Despois do acto de inauguración, os asistentes recibiron dúas conferencias e, pola tarde, participarán en diferentes obradoiros sobre creatividade e traballo en equipo, redes sociais, comunicación e imaxe ou coaching para profesionais dos Servizos Sociais.











